A CUT denuncia o ERE de Citroën
Piden a súa impugnación, entendendo que inclúe excedencias fraudulentas
A CUT acaba de denunciar o ERE plantexado por Citroën, aceptado pola meirande parte dos sindicatos da factoría. Piden a súa impugnación entendendo que inclúe “excedencias fraudulentas”, claramente “subvencionadas con cartos públicos”.
Segundo indicou o sindicato en declaracións para Galiciapress, o expediente inclúe un tipo de excedencia na que un traballador “pode marchar ao paro durante 24 meses e aos 30 volver a solicitar o reingreso”. Segundo indican, este feito supón un claro “uso fraudulento das prestacións de desemprego” que implica na práctica a posta en marcha de excedencias “subvencionadas con cartos públicos”.
Sospeitan ademais que dende a empresa pretenden utilizar estas excedencias para desprenderse definitivamente de traballadores. “Intentar poñer un caramelo para que a xente se acolla”, para despois propoñerlles reincorporarse en postos diferentes aos que tiñan, que poderían incluso suponer ser “recolocados noutro centro en Francia”.
Ademais, dende a CUT tamén denuncian que a empresa creou unha comisión de seguimento que só inclúe aos sindicatos asinantes (SIT-FSI, UXT e CCOO), deixando fóra aos que “non cederon ao seu chantaxe” (A CIG e a propia CUT). Entenden que esta medida “vulnera o dereito á negociación colectiva”, xa que os deixa na práctica sen implicarse no desenvolvemento do ERE.
DENUNCIA E REACCIÓN DA EMPRESA
Na Cut esperaron ata o último día, presentando a súa denuncia nos xulgados este venres, aínda que previamente xa presentaran unha reclamación ante a inspección de traballo.
Agora ábrese un proceso que non paraliza o ERE, que xa foi aprobado formalmente pola meirande parte dos sindicatos na mesa de negociación.
A empresa podería comezar a extinguir os postos de traballo do ERE, pero segundo a CUT decidiu esperar a que se aclare a situación. Para o sindicato, esta decisión demostra que “a empresa ten medo a que todo o que plantexou non cumpre a legalidade”.
Escribe tu comentario