Comeza o curso nas universidades galegas
Juan Viaño, reitor da USC, puxo de manifesto a necesidade das universidades galegas de especializarse.
O curso 2016-2017 na universidade galega comezou cunha sesión protocolaria no Salón Nobre do Colexio de Fonseca á que lle precedeu un minuto de silencio polo accidente ferroviario ocorrido esta venres en Porriño.
En nome dos tres reitores, Juan Viaño reafirmou o compromiso da institución universitaria coa necesidade “garantir unha formación de calidade para os nosos mozos e mozas”. Este colectivo, engadiu o reitor compostelán, “son o futuro que nos espera e seríamos uns irresponsables se non entenderamos a importancia de ter unha docencia e unha investigación universitaria semellante á de calquera lugar do mundo”.
Nesta mesma declaración de intencións, Viaño asumiu como inherente ás universidades “a obriga de atender as necesidades da sociedade dun xeito áxil, eficaz e transparente e non podemos caer nunca no conformismo de pensar que polo mero feito de ser públicas xa somos inmortais”, dixo.
Como retos das universidades no futuro máis inmediato, o reitor da USC avogou por axilizar os procedementos administrativos así como por crear mecanismos adaptados os tempos actuais de xeito que permitan atender mellor o estudantado. Tamén apuntou o desenvolvemento de “novos modelos de xestión que permitan nun futuro próximo dedicar máis recursos a docencia, investigación e a transferencia do coñecemento”.
COLABORACIÓN
Asumindo que “a sociedade ten razón cando nos pide concentrar os nosos esforzos na especialización en temas nos que podemos ser excelentes”, o reitor compostelán dixo que as universidades son conscientes da necesidade de colaborar, e puxo como mostra en materia de oferta docente a creación “das primeiras bases para establecer unha especialización por universidades e campus que garanta un maior aproveitamento dos recursos para converternos, pouco a pouco, nun ecosistema onde se poidan satisfacer todas as demandas dos nosos estudantes”.
Neste mesmo contexto cooperativo Viaño destacou o valor de establecer mecanismos comúns que nos benefician a todos, “como o futuro Consorcio Interuniversitario de Galicia que articulará mellor a nosa colaboración diaria”.
LECCIÓN INAUGURAL
O catedrático de Lingua Española da Facultade de Humanidades de Lugo Alexandre Veiga foi o encargado este ano de pronunciar o discurso inaugural, que titulou ‘O labor dos copistas dun texto poético de clerecía’.
Na súa intervención explicou de maneira concisa os resultados do estudo do Poema de Fernán González, no que leva anos inmerso e que cualificou como “o máis problemático texto literario castelán encadrable na produción poética do chamado mester de clerecía”.
Escribe tu comentario