A Xunta subvencionará a “plantación histórica” dun millón de castiñeiros
Parte dun paquete para o sector primario, que integra axudas para as explotacións lácteas
(foto: galiciaunica.com)
O presidente da Xunta presentou este xoves un paquete de medidas orientadas ao sector primario, entre as que destaca un proxecto de subvencións dotado con dous millóns e medio de euros co que se pretende acadar unha “plantación histórica” dun millón de castiñeiros en Galicia que ocupen un total de 1.000 hectáreas
As plantacións poderán desenvolverse en toda a provincia de Ourense, en case todo Lugo e en varias comarcas de Pontevedra e A Coruña. Preténdese beneficiar a unhas 700 familias, cunha decisión que Alberto Núñez Feijóo considera “estratéxica”, promovendo a presenza dunha árbore “autóctona, moi identificada con Galicia.
Dentro do mesmo paquete de medidas, a Xunta tamén integrará axudas directas para os propietarios de explotacións lácteas con créditos pendentes. Porase a disposición dos gandeiros un programa dotado con tres millóns de euros, aos que poderán acceder os propietarios que queiran refinanciar créditos, ampliar os prazos, prolongar o período de carestía…
Paralelamente, haberá dous millóns de euros para minorar os danos provocados polo xabaril e polo lobo, e algo máis de catro para pechar as concentracións parcelarias en curso e iniciar outras novas, ordenando un total de 44.000 hectáreas e beneficiando a 30.000 propietarios.
Todas estas medidas conforman o último paquete aprobado pola Xunta cos fondos extras obtidos polo cumprimento do déficit público, tralas medidas anunciadas en educación e sanidade, que xa foron tildadaes de electoralistas.
Escribe tu comentario