Compromiso por Galicia irá pola súa conta ás eleccións galegas
Os militantes rexeitaron unha posible confluencia con En Marea de cara aos vindeiros comicios
Compromiso por Galicia irá pola súa conta nas próximas eleccións galegas, presentando unha candidatura en solitario en lugar de apostar por unirse á confluencia de En Marea.
A decisión foi tomada este domingo na Convención Nacional do partido celebrada en Teo, co apoio directo do 71% dos mlitantes do partido, fronte ao 29% que apostaron por sumarse á coalición integrada por Podemos Galicia, Esquerda Unida e Anova nas últimas eleccións xerais.
Tras esta decisión, o secretario xeral de Compromiso, Xoán Bascuas, subliñou "a calidade dos debates e dos argumentos expostos", así como "o alto grao de participación da militancia".
"Este é un proxecto que se constrúe con poucos recursos, pero no que somos donos no noso destino e co centro de decisión en Galicia", defendeu Bascuas.
Acto seguido, asegurou que hai xente que votaba ao PP ou a Cidadáns, pero que agora "desexa votar en clave galega". "Hai xente no PSOE que está cansada de votalos e agora ten unha opción socialdemócrata en Compromiso e xente que tradicionalmente votaba BNG e que agora tamén ten unha alternativa galeguista en Compromiso", relatou.
Por iso, sostén que se conseguen explicar o seu proxecto, entón está "seguro" de que Compromiso "dará moitísimo que falar nos próximos anos".
Escribe tu comentario