Hazte Oír reparte propaganda en colexios galegos contra a diversidade sexual
As asociacións LGTBI galegas xa presentaron un escrito ante Educación e a Valedora do Pobo e estudan levar o feito ante o Ministerio Fiscal.
// Portada do panfleto de Hazte Oír, '¿Sabes lo que quieren enseñar a tus hijos en el colegio?
As asociacións LGTBI galegas veñen de presentar un escrito ante a Consellaría de Educación e Ordenación Universitaria e a Valedora do Pobo para denunciar que a organización ultracatólica Hazte Oir está a distribuír en centros de ensinanza de Galicia un panfleto no cal “se ataca duramente a educación no respecto á diversidade sexual e de xénero e se verten afirmacións incertas sobre as leis para a igualdade LGTBI aprobadas en varias comunidades autónomas”.
O texto difundido, baixo o título ‘¿Sabes lo que quieren enseñar a tus hijos en el colegio?’, pretende “crear unha alarma inxustificada” entre as familias do alumnado e a comunidade educativa en xeral, empregando “argumentos discriminatorios” contra a comunidade LGTBI, á que segundo este colectivo “acusa” de querer causar un “grave dano ao alumnado”.
// Unha páxina do panfleto de Hazte Oír, '¿Sabes lo que quieren enseñar a tus hijos en el colegio?
No escrito presentado ante a Consellaría e a Valedora, o colectivo insta ao ente educativo a impulsar unha convivencia “inclusiva” nos centros educativos, “entendendo a diversidade como un valor que se debe respectar, e creando condicións para previr e tratar manifestacións de incitación ao odio, acoso escolar ou discriminación de alumnos ola súa identidade ou orientación sexual”.
Piden tamén que se traslade esta mensaxe aos centros educativos de xeito que “rexeiten calquera material que non cumpra cos valores democráticos recollidos na lexislación internacional, nacional e autonómica”.
As entidades LGTBI galegas están a estudar tamén a posibilidade de denunciar este feito ante o Ministerio Fiscal, por entender que o panfleto “vulnera varios artigos da lexislación internacional, española e galega, así como a protección xurídica do menor e incita ao odio cara ao colectivo LGTBI”.
Escribe tu comentario