Galicia bótase á rúa contra o trato da UE para os refuxiados
Centos de persoas concentráronse este mércores por toda Galicia, protestando contra o preacordo entre a Unión Europea e Turquía para devolver persoas refuxiadas
Centos de persoas concentráronse este mércores por toda Galicia, protestando contra o preacordo entre a Unión Europea e Turquía para devolver persoas refuxiadas, considerado "inmoral, vergoñoso e ilegal" polas múltiples organizacións convocantes.
En concreto, houbo concentracións na Coruña, Ferrol, Santiago, Burela, Lugo, Ourense, Vilagarcía de Arousa e Vigo, ademais dunha manifestación en Pontevedra. Estiveron convocadas de forma conxunta por sindicatos como CCOO, UXT e CIG, pero tamén por ONG como médicos do mundo e apoiadas por un gran número de partidos políticos a nivel autonómico e local.
En Santiago de Compostela, centos de manifestantes encheron a Praza do Toural, nunha concentración que contou coa presenza do alcalde, Martiño Noriega, da voceira nacional do BNG, Ana Pontón, e do deputado socialista Xosé Sánchez Bugallo, entre outros.
Xunto ao resto dos presentes, apoiaron un manifesto que denunciou a "absoluta insensibilidade" da Unión Europea ante a crise de refuxiados.
Segundo explicou Brais Barcia, de Médicos do Mundo, en declaracións a Galiciapress, o obxectivo último das concentracións é conseguir que "non se faga con Turquía ese trato económico para librarnos do problema".
Barcia destaca que o preacordo conseguiu unir na súa contra "a todos os sindicatos, todas as ONG, partidos políticos..." Critica que a Unión Europea siga coa súa política de "non facer caso aos dereitos humanos" e reclama que se avance ata logar "un paso seguro" para os inmigrantes.
Escribe tu comentario