O bloque arría a bandeira da Unión Europea en Pontevedra
Con este xesto rpotesta contra unha actitude "inxusta, insolidaria e hipócrita" das autoridades comunitarias con respecto aos refuxiados
O alcalde de Pontevedra, o nacionalista Miguel Anxo Fernández Lores, decidiu este martes arriar a bandeira da Unión Europea na sede do concello, un xesto co que pretende protestar polo trato que se lle está dando ás persoas refuxiadas e ao principio de acordo acadado con Turquía.
Dende o concello denuncian unha actitude "inxusta, insolidaria e hipócrita" das autoridades comunitarias con respecto aos refuxiados, a quen pecha as fronteiras da Unión dunha forma "absolutamente inhumana e impresentable".
O alcalde indicou que isto é unha "chamada de atención" para que os cidadáns de Pontevedra "saiban" que o Consistorio é "crítico" con esta actitude "hipócrita" da Unión Europea, que, despois de "participar en actividades bélicas" en Oriente Medio, provocando bombardeos "sistemáticos" que fixeron que os cidadáns destes países protagonicen un "éxodo masivo", agora rexeitan a chegada de miles de persoas que "escapan porque temen pola súa vida".
REXEITAMENTO DE PP, PSOE E CIUDADANOS
O xesto do alcalde tan só conseguiu o apoio da Marea de Pontevedra. Os demais grupos posicionáronse claramente en contra.
No Partido Popular entenden que se trata dunha "acción partidista" que instrumentaliza un edificio público para tratar un tema que "non é de competencia municipal", segundo afirmou a viceportavoz do PP, Aurora Cañizares. A representante popular, en cambio, apuntou que si lle parece correcto que a presidenta da Comunidad de Madrid, Cristina Cifuentes, colgue un cartel de apoio a Leopoldo López na Porta do Sol. "Son cuestións distintas", afirmou.
Do mesmo xeito, a concelleira de Ciudadanos, María Rey, viu nesta acción unha "falta de respecto", unhas críticas ás que tamén se sumou o portavoz municipal do PSOE, Agustín Fernández, que acusou ao alcalde de estar a protagonizar unha "clara deriva" cara a un nacionalismo "rancio e eurófobo".
O portavoz socialista asegurou que o xesto é "tan estúpido como arriar a bandeira galega" cada vez que o concello "non estea de acordo con algunha medida posta en marcha pola Xunta ou polo Parlamento galego".
Escribe tu comentario