O CHUS deixa pacientes nos corredores habendo zonas de observación libres
O pasado martes acumularon ata 18 doentes agardando por unha cama para ser ingresados. As cadeiras de rodas atópanse nun "estado inadmisible".
A Asociación de Usuarios e Pacientes do CHUS volve alertar dun novo "colapso" no servizo de Urxencias do hospital compostelán. A través dun comunicado, deste vez, denuncian que o martes 22, pasadas as tres da tarde, "acumuláronse ata 18 pacientes pendentes de ingreso, ocupando espazo de traballo", a pesar de haber "tres sitios libres en observación, onde os supervisores non deixaron instalar os pacientes".
Para a asociación, "cada nova situación de colapso evidencia que os responsables sanitarios pretenden que aceptemos como normal unha actuación irresponsable", atribuíndo "sempre a causa a cuestións puntuais e non a situacións estruturais". Lamentan, así, que se desatenden as "reiteradas demandas dos pacientes" e tamén "as realizadas polos profesionais do servizo e mesmo as autoridades laborais".
Aparte, relatan que "os pacientes de gravidade intermedia son colocados en lugares de paso, arrimados a unha parede". Denuncian que esta "práctica non só atenta contra a dignidade dos pacientes senón que tamén vai contra a normativa de seguridade laboral así como contra o requirimento da inspección de traballo e a que fan caso omiso desde a xerencia ata o persoal supervisor". En concreto, o mesmo martes "chegaron a estar 16 pacientes nesta situación".

MATERIAL EN MAL ESTADO
A Asociación de Usuarios e Pacientes do CHUS clama tamén contra a calidade e o estado dalgún do material dun "hospital autodenominado de excelencia". Así, explican o caso de M.P.T., familiar dunha paciente de 80 anos ingresada por urxencias o día 15 de novembro por problemas de cadeira, á que se lle ofreceu unha cadeira de rodas "en estado lamentable". Segundo relata a asociación, ao carecer a cadeira de repousapés, "no seu lugar foi colocada unha venda para reter os pés". E non foi todo, "ante a reclamación que formulou contestóuselle que non se queixase, que as había en peor estado".
Cadeira de rodas cunha venda para os pés.
Non foi o único caso do que teñen constancia, pois aseguran que "o carácter de deterioro xeral deste material sanitario foi constatado por outros pacientes e polo persoal dos Servizos de Urxencias".
Escribe tu comentario