Falece o ocupante dun coche que caeu ao mar no porto de Muros
Os servizos de emerxencias trataron de reanimar a vítima tras ser rescatada do turismo, pero non foron quen de lle salvar a vida.
Dársena de Muros. //Foto: europapress.
Unha persoa morreu este venres tras caer co seu vehículo ao mar na zona do porto de Muros, na Coruña. Aínda que os servizos de emerxencias trataron de reanimar a vítima tras ser rescatada do turismo, finalmente resultou falecido.
Segundo informou a Europa Press o Centro de Atención a Emerxencias 112-Galicia, foi un particular quen deu a alerta sobre as 14,45 horas deste venres, indicando que un vehículo se precipitou ao mar no porto de Muros.
Ao lugar trasladáronse os Servizos de Urxencias Médicas 061, o GES e a Policía Local de Muros, así como os Bombeiros de Cee. Tamén foi mobilizado o Servizo de Gardacostas e Salvamento Marítimo.
Fontes de emerxencias confirmaron a Europa Press que o ocupante do vehículo foi rescatado do seu interior e que, porteriormente, foi atendido por persoal sanitario do helicóptero medicalizado con base en Santiago, desprazado ata a zona. Con todo, finalmente a vítima faleceu.
Ata o punto desprazouse tamén o barco auxiliar Sebastián de Ocampo, de Salvamento Marítimo, para proceder a retirar o vehículo do mar.
Escribe tu comentario