O dicionario da RAG estrea melloras para un uso "máis interactivo" do seu contido
Os usuarios que accedan ao dicionario a través da páxina web da Academia poderán expoñer directamente dúbidas sobre un termo ou propoñer actualizacións ao Seminario de Lexicografía da RAG.
O dicionario da Real Academia Galega (RAG) estreou melloras para promover "un uso máis personalizado e interactivo" do seu contido, segundo informou a institución académica. Así, facilita a comunicación co Seminario de Lexicografía para aclarar dúbidas e mellorar definicións.
A RAG presentou, na primavera de 2012, o seu dicionario electrónico, "a día de hoxe un instrumento imprescindible para calquera persoa interesada na lingua galega tanto a nivel usuario como profesional", sinala.
Así, indica que este recurso, que ofrece a posibilidade de consultar case 60.000 entradas, "recibe cada mes máis de 1.050.000 procuras e foi empregado no último semestre desde 233.000 direccións".
Agora, engade que esta ferramenta "dá un paso máis e estrea a súa cuarta versión cunha nova interface con melloras substanciais para un uso máis personalizado e interactivo".
Así, os usuarios que accedan ao dicionario a través da páxina web da Academia poderán expoñer directamente dúbidas sobre un termo ou propoñer actualizacións ao Seminario de Lexicografía da RAG.
Escribe tu comentario