#Claves de la semana

Bombeiros forestais condenados a traballar só tres meses

Traballan durante o período de "alto risco" e denuncian que nalgúns casos néganlle o subsdidio de desemprego por teren un contrato "fixo discontinuo". 


|

Bomberosforestales


Traballan durante o período de máis risco do ano, o resto do tempo non poden optar a facer substitucións e, nalgúns casos, incluso lles denegan o subsidio de desemprego ao considerar que "teñen un contrato fixo". Esta é a situación laboral do persoal fixo descontinuo de tres meses da consellaría de Medio Rural que denuncian desde a Agrupación de Traballadores de 3 meses do SPDCIF. 


O colectivo, que está contratado para actuar de xeito exclusivo durante o 'período de alto risco',-- meses de xullo, agosto e setembro--, cando se producen a maior parte dos grandes incendios, e son cesados de actividade e soldo unha vez remata a campaña, vese obrigado, na maior parte dos casos, a recorrer á axuda familiar para "sobrevivir" durante o resto do ano.


"Traballamos exclusivamente eses tres meses", di Luís González, voceiro da Agrupación de Traballadores de 3 meses do SPDCIF, e o resto do ano a xente "apáñase como pode". Algúns traballan na hostelería ou en comercios, outros coidan da familia e moitos teñen que recorrer aos subsidios do estado que se reducen á chamada 'axuda familiar' ao non poder cobrar o paro porque non acumulan suficiente tempo traballado con eses contratos de tan só tres meses.


E malia que a situación dista moito de ser ideal, --ao "desperdiciarse" durante nove meses o talento destes traballadores "que poderían estar facendo traballos de prevención"--, agrávase aínda máis coa denuncia de varios membros do colectivo que foron requiridos pola Seguridade Social para a devolución dos subsidios logo de serlles concedidos, ao entender que "existe un contrato fixo", o cal interrompe o proceso de concesión da axuda. A mesma tesitura dáse "no caso dos maiores de 55 anos", e "no suposto de que unha persoa estea de baixa na data da súa reincorporación ao servizo".


Luís González afirma que "non son casos illados", dado que "a administración considera que tes un contrato", aínda que sexa un contrato temporal de tres meses e o resto do ano carezan de contrato. Neste sentido, González demanda que a Xunta "poña cartas no asunto" e "que se amplíen os contratos a 9 meses, co obxectivo de profesionalizar os servizos e reducir a desprotección social que están a padecer, aumentando tamén o tempo cotizado e facilitando a obtención de subsidios por desemprego de nivel contributivo.


"Outro problema que temos é que non podemos optar a facer substitucións", continúa Luís, dado que a Xunta "considera que xa estamos, de feito, ocupando unha praza". Deste xeito, se un bombeiro forestal que traballa 9 ou 12 meses ao ano tivera unha baixa, un traballador fixo descontinuo de 3 meses non podería substituír esa vacante, posto que "en teoría" xa están a ocupar unha praza.


Paradoxicamente, as substitucións son feitas, en moitas ocasións, "por persoas con menor puntuación e experiencia". Neste sentido, o colectivo Agrupación de Traballadores de 3 meses do SPDCIF reivindica a súa valía: "contamos con experiencia en varias campañas de verán", polo que "estamos dispostos e capacitados".


PERÍODO DE ALTO RISCO


A Agrupación de Traballadores de 3 meses do SPDCIF sinala tamén que a propia Consellaría decidiu aumentar este ano o período de alto risco ata o 15 de outubro dada a previsión meteorolóxica, prescindindo dos servizos do persoal de tres meses que son "parte fundamental do operativo", polo que o servizo quedou "moi mermado, non podendo cubrirse as 24 horas dado que non hai persoal suficiente, e facendo que a loita contra o lume fose "máis insegura" para o resto do persoal de extinción.


Deste xeito, moitos camións motobomba quedaron "parados sen condutores", as casetas e torres de vixilancia "baleiras", algúns helicópteros inoperativos e as emisoras de comunicación con persoal "baixo mínimo".


Neste sentido, o colectivo mostra a súa indignación coa decisión da Xunta de non manter o operativo ao 100%, e denuncian a "imprudencia" que isto supón, ao tempo que "desde a Vicepresidencia se asegura falsamente á xente que manterán activo o operativo especial contra incendios mentres haxa risco".


Os bombeiros forestais cualifican a vaga de incendios deste verán como "devastadora", con cuantiosos lumes de nivel de alerta 2, ademais de virulentos, e afectando a un total de 20.000 hectáreas queimadas, o cal "pon en evidencia" que o colectivo de traballadores de tres meses é "imprescindible" para ter un servizo de extinción eficaz, ademais de pór de relevo a necesidade da prevención para evitar situacións "dantescas" coma as vividas este verán. 


PREVENCIÓN


AAgrupación de Traballadores de 3 meses do SPDCIF fai un chamamento á Consellaría de Medio Rural para que "recapacite", incidindo en que "a contratación do persoal de tres meses durante máis tempo está plenamente xustificada" se se ten en conta a necesidade de facer "unha política eficaz de prevención". Deste xeito, os bombeiros que pasan 9 meses en paro "cando é que poden cobralo", poderían facer "previsións antes da campaña de verán", como son desbroces, eliminación de matogueiras, elaboración de devesas ou cortalumes, e incluso de educación e concienciación medioambiental, aproveitando a súa experiencia e coñecemento; así como "pór en valor e ordear a inmensa riqueza forestal que ten Galicia e fomentar a produtividade do monte con silvicultura e criterios de sustentabilidade".


Porén, o voceiro de agrupación, Luis González, lamenta que a prevención en Galicia sexa "a climatoloxía" e que o gasto en extinción sexa cada ano máis "desmesurado". A "falta de prevención" súmase ao factor de "desestacionalidade dos lumes forestais", pois cada vez máis "non arde só en verán, desgraciadamente", di Luís González, como tamén se pode comprobar a través do IRDI (índice de risco diario de incendios forestais), que neste intre marca aínda un risco medio e alto en certas partes de Galicia.


A isto cómpre sumar a "privatización" e "fragmentación" do dispositivo da loita contra os lumes en Galicia, que "incide negativamente nas tarefas de extinción", e que conforman ademais do servizo de prevención e defensa contra incendios forestais, varias entidades públicas de xestión privada (SEAGA e TRAGSA), empresas privadas (NATUTECNIA), ou empresas de medios aéreos (INAER).


Por todos estes motivos, Agrupación de Traballadores de 3 meses do SPDCIF reclama á Xunta que "aplique a lóxica" e conforme un servizo de incendios "público, igualitario, único e personalizado", cunhas condicións laborais "dignas" que non "precaricen" os seus traballadores que "ano tras ano se enfrontan ao lume que arrasa os nosos montes". 


relacionada Tres meses de contrato para los bomberos forestales
relacionada Os traballadores contra incendios terán a categoría de bombeiros forestais
relacionada ​"Quendas de moitas horas sen auga nin bocadillos" para os bombeiros forestais
Última hora

Sin comentarios

Escribe tu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.
Última hora
Cabeceralomasleido 1
Cabecerarecomendados 1

Galiciapress
Plaza de Quintana, 3 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS LOS DERECHOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidad - Configuración de cookies - Consejo editorial - Publicidad
Powered by Bigpress
CLABE