Os universitarios galegos tardan 9 meses en atopar o seu primeiro emprego
Entre as principais vías para atopar traballo sitúase en primeiro lugar os contactos persoais ou familiares.
Un estudo sobre os titulados universitarios no curso 2011/2012 reflicte un aumento da empregabilidade dos mozos que deciden cursar estudos superiores. En concreto, o 67,3 por cento atopábase traballando dous anos despois de finalizar a súa carreira, aínda que doutra banda tardaron máis de nove meses en acceder ao seu primeiro emprego.
Os datos deste estudo evidencian un continuo incremento no tempo medio necesario para atopar traballo dos titulados en distintas promocións, desde os 4,79 meses no caso dos titulados do curso 06/07 ata os 9,79 da promoción 2011/2012.
Esta tendencia vese acompañada, en paralelo, do aumento progresivo da porcentaxe de empregabilidade dos titulados desde o ano 09/10 á actualidade tanto en homes como en mulleres, pasando do 60,70 e do 57,42 ata o 68,94% e o 66,71%, respectivamente.
PRIMEIRO TRABALLO
Tras concluír os seus estudos, un 81 por cento dedicouse a buscar un traballo relacionado coa súa titulación, dos que algo máis dun 56 por cento tivo éxito.
O tempo medio para atopar o seu primeiro traballo (relacionado ou non cos seus estudos) ascendeu a 9,79 meses, aínda que o 38,83 por cento afirmaba logralo nun máximo de seis. As principais vías para iso foron os contactos persoais ou familiares (19,14%), a candidatura espontánea (17,23%) ou Internet (14,61).
Dous anos despois de finalizar os seus estudos, o 67,53 dos egresados enquisados atopábase traballando, o 23,38 estudando e o 19,59 preparaba oposicións.
A maior porcentaxe de traballadores atopábase na rama de Ciencias da Saúde (unha empregabilidade do 83%) e en Enxeñería e Arquitectura (máis do 72%), cunha "maior proporción de homes na maioría de categorías".
EN GALICIA, SALARIOS MÁIS BAIXOS
Dos titulados preguntados no momento de realizar a enquisa, a gran maioría traballaba en Galicia (algo máis do 82%), o 14,64 facíao noutro punto de España e o 3,29 por cento trasladouse a outro país.
Así mesmo, os egresados que traballaban en Galicia percibían os salarios máis baixos en comparación con outros territorios de España ou da UE, aínda que o soldo medio situouse nos 1.037 euros e máis da metade declaraba cobrar menos de 1.000 euros.
O 77,33 por cento dos enquisados lograra acceder á titulación elixida como primeira opción e máis da metade puido gozar dunha bolsa de estudos. Doutra banda, case o 20 por cento participou en programas de mobilidade a outros territorios e máis do 91 por cento falaba algún idioma a maiores de castelán ou galego.
Nesta liña, case o 90 por cento dos enquisados afirmaba que volvería cursar estudos universitarios, dos que case o 80 por cento repetiría na mesma titulación.
MAPA DE EMPREGABILIDADE
O secretario xeral de Universidades destacou que os datos mostran que un maior nivel académico favorece a empregabilidade da sociedade, rozando practicamente o pleno emprego no caso de dispoñer de estudos de doutoramento.
Así mesmo, recoñeceu que o estudo reflicte que "o salario non se recuperou" e que existen "bastantes oscilacións" e diferenzas nos datos de emprego das diferentes ramas de coñecemento.
Deste xeito, avanzou que en 2017 darase "un paso máis adiante" na liña destes informes e que se impulsará "un mapa de empregabilidade do Sistema Universitario de Galicia", no que se incorporarán todo tipo de datos e cifras por titulacións co fin de dar información á sociedade e á vez proporcionar información aos centros para que poidan organizar cambios que permitan dar resposta á demanda social.
Díez de Castro aclarou, nesta liña, que os estudos deste tipo teñen a finalidade de dar "datos básicos" para as familias e información ás institucións académicas co fin de que poidan "corrixir e mellorar" a oferta, e non "para castigar".
O INFORME
Estas cifras despréndense do 'Estudo de inserción laboral dos titulados do Sistema Universitario de Galicia 2011-2012', co que a ACSUG busca ofrecer datos obxectivos que sexan útiles tanto para ofrecer un diagnóstico da oferta académica como para facilitar a "toma de decisións" ás propias institucións académicas para a mellora de títulos, segundo destacou a presidenta desta entidade, Patrocinio Morrondo.
O informe elaborouse a partir de 4.687 enquisas realizadas a titulados universitarios no citado curso dous anos despois de concluír os seus estudos, o que permitiu á ACSUG definir un perfil dos egresados e do seu éxito no acceso ao mercado laboral.
Escribe tu comentario