#Claves de la semana

​Ence asina un "pacto ambiental"

A pasteira comprométese coa Xunta a reducir o ruído e o cheiro xerados e a mellorar a depuración da auga. "Queremos gañar o aprecio dos veciños", afirman.


|

Encepacto


A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, e o conselleiro delegado de Ence, Ignacio de Colmenares, asinaron este martes un "pacto ambiental" que compromete á pasteira para investir 193,6 millóns de euros no próximos catro anos para acometer melloras ambientais na fábrica, construír unha planta de biomasa en Pontevedra e tres centros de bioenerxía, crear un centro de investigación forestal e mellorar a depuradora dos Praceres. Con isto crearíanse 80 postos de traballo directos e indirectos, segundo a empresa.

Un investimento "especialmente importante" para a Xunta, segundo Beatriz Mato, ten que ver coa implantación de "axudas de carácter social", por valor de tres millóns de euros en cada un dos 60 anos que dura a ampliación da concesión de Ence nos terreos de Lourizán. Así, Mato cualificou de "destacado, ambicioso e beneficioso" este pacto, ao que se referiu como "un paso máis que compromete a Ence con Galicia" e que á vez é "coherente cos obxectivos" da Xunta. Ademais, anunciou que no próximos tres meses concretaranse outros investimentos no marco dun convenio de carácter social.

Deste xeito, insistiu en que se trata dun acordo "beneficioso para os veciños de Pontevedra e para o conxunto de Galicia". E é que, sobre a ría de Pontevedra, afirmou que é "unha valiosa contorna ecolóxica pero tamén un núcleo económico", polo que a Xunta "sempre" esixiu á pasteira "o máximo compromiso co medio ambiente".


"QUEREMOS GAÑAR O APRECIO DOS VECIÑOS"
Pola súa banda, Ignacio de Colmenares resaltou o papel de Ence como "motor da bioeconomía en Galicia" e relacionou a firma deste pacto coa "nova etapa" que se abriu o pasado mes de xaneiro, cando o Goberno en funcións lle concedeu a prórroga de 60 anos para seguir en Pontevedra tras un "rigoroso proceso administrativo", segundo as súas propias palabras.

"Queremos gañar o aprecio dos veciños a base de bo facer e excelencia", expuxo Colmenares, quen engadiu que a actual Ence é "distinta á antiga fábrica de Celulosas". Neste sentido, defendeu a aplicación da "máxima responsabilidade social corporativa" por parte da empresa, como "referente ambiental da industrial europea" e en materia de "creación de emprego"

O conselleiro delegado de Ence tamén anunciou que esta semana se constituirá a "mesa de traballo pola ría de Pontevedra" coa participación de varias entidades, entre as que figuran confrarías de pescadores e mariscadores, asociacións de veciños e axentes sociais e económicos. "A continuidade da fábrica é boa para os cidadáns e o futuro da comarca", remarcou.


CONCELLOS
O conselleiro de Presidencia, Alfonso Rueda, foi testemuña da rúbrica do documento, xunto co director da fábrica de Ence en Pontevedra, Antonio Casal, o secretario xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, Justo de Benito, e o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís. Alfonso Rueda deu as "grazas a Ence por entender que era necesario" o seu compromiso social e económico con Galicia.

Rueda tamén emprazou aos concellos de Pontevedra, Poio e Marín -os dous primeiros con alcaldes nacionalistas- a que se "integren" no acordo coa empresa, así como á Deputación de Pontevedra. Esta institución é a titular do Pazo de Lourizán, que a Xunta ten cedido ata 2021 e no que se pretende crear un centro de investigación tras rehabilitar o inmoble, que se atopa moi deteriorado, cun gasto de cinco millóns de euros.

CIFRAS
En canto á "folla de ruta" presentada por Beatriz Mato, figuran 30 millóns de euros para a mellora da eficiencia no complexo industrial de Lourizán, dos cales 12 millóns destinaríanse á redución do impacto acústico e oloroso, 15 millóns para tratamento e rexeneración das augas tratadas na factoría e preto de catro millóns para a "integración paisaxística" das instalacións.

O "programa marco" para desenvolver actuacións de carácter social e ambiental -cun compromiso anual de 3 millóns de euros- desenvolverase a través dun convenio específico e as actividades que contemple concretaranse cada ano nunha comisión mixta de seguimento do acordo, formada por dous representantes da Consellería de Medio Ambiente e outros dous de Ence. Sobre as perspectivas de creación de emprego neste apartado, Ignacio de Colmenares sinalou que dependerá "de onde se invista o diñeiro".

Na creación do centro de investigación e desenvolvemento especializado na explotación sustentable de recursos forestais, cuxa sede estaría no Pazo de Lourizán, investiríanse 10,6 millóns de euros. Para a dotación de proxectos e contidos, Ence achegaría 1,4 millóns de euros no próximos cinco anos.

A isto súmase a construción dun novo centro de co-xeración de biomasa nas instalacións de Ence en Lourizán -cuxas obras comezarían a finais deste ano, segundo Colmenares- e a posta en marcha de tres novos centros de bioenerxía nas localidades de Ortigueira e Vimianzo (A Coruña) e Begonte (Lugo).

A ampliación e modernización da depuradora dos Praceres supoñería 15 millóns de euros, un investimento que se concretaría a través dun convenio propio que se asinará no próximo trimestre, detallou a Consellería de Medio Ambiente.

relacionada ​As asociacións en defensa da Ría rexeitan colaborar con Ence
relacionada O concello de Pontevedra recorrerá a prórroga de ENCE na Audiencia Nacional
relacionada ​Pontevedra sae de novo á rúa contra ENCE
Última hora

Sin comentarios

Escribe tu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.
Última hora
Cabeceralomasleido 1
Cabecerarecomendados 1

Galiciapress
Plaza de Quintana, 3 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS LOS DERECHOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidad - Configuración de cookies - Consejo editorial - Publicidad
Powered by Bigpress
CLABE