Expulsan a Beiras do parlamento tras pedir o "rescate" do Cunqueiro
O voceiro de AGE dirixiuse cara o escano do popular Miguel Tellado, golpeando a mesa en varias ocasións e acusándoo de estar "ríndose dos cidadáns"
Xosé Manuel Beiras foi expulsado este mércores do pleno do Parlamento de Galicia, despois dun tenso debate no que defendeu o "rescate" do Hospital de Vigo. Unha vez rematados os turnos de palabra, o voceiro de AGE dirixiuse cara o escano do popular Miguel Tellado, golpeando a mesa en varias ocasións e acusándoo de estar "ríndose dos cidadáns"
Esta acción foi recriminada inmediatamente polo presidente do parlamento, Miguel Santalices, que o chamou á orde expulsándoo da cámara. Nun primeiro momento, Beiras fixo caso omiso e continou a súa discusión, polo que Santalices suspendeu a sesión durante uns segundos para insistir na expulsión.
O voceiro de AGE xa fora chamado á orde durante o transcurso do debate, cando espetou un "aquí non hai tontos" durante a intervención do deputado popular Javier Dorado.
A súa expulsión definitiva suporá polo menos 15 días de suspensión dos seus dereitos parlamentarios como deputado, perderá parte do seu salario e non poderá acudir nin aos plenos nin ás comisións parlamentarias.
Non é a primeira vez que Beiras se encara directamente contra as bancadas do PP, cando en 2013 apareceu a foto de Feijóo co narcotraficante Marcial Dorado chegou a golpear o escano do presidente da Xunta. Pero naquel momento a presidenta Pilar Rojo non chegou a expulsalo da cámara.
A CIDADANÍA ESTÁ FARTA
Momentos antes de levantarse para imprecar ao dirixente popular, Beiras remataba unha contundente intervención na que aseguraba que a derrota do PP era "inexorable con Beiras ou sen Beiras" xa que "a cidadanía está farta de vostedes".
Tamén proclamou que o PP é un partido "podre de abaixo para arriba" pola corrupción, asegurando que "entre todos botarémolos do país", segundos antes de emprender a acción pola que rematou expulsado.
Escribe tu comentario