Feijóo "dá a cara" pola prórroga de Ence no parlamento
O presidente da Xunta xustifica a prórroga que ata ENCE á Ría de Pontevedra ata 2073 nos postos de traballo que crea, un argumento que lle resulta demagóxico ao alcalde de Pontevedra
A Ría de Pontevedra segue sen parecerlle a Alberto Núñez Feijóo a mellor ubicación para ENCE. Pero asegura que a única alternativa para á prórroga nesta ubicación era o peche, por iso prefire "dar a cara" en defensa dos centos de traballadores que crea a pasteira de forma directa e das miles de familias que viven de venderlle madeira, un argumento considerado como demagoxia por parte do Bloque Nacionalista Galego.
Feijóo sostén que non existía unha alternativa válida de traslado dentro de Galicia. Asegura que os galegos "sabemos que para ter unha papeleira necesitamos un caudal de auga diario similar ao consumo de 200.000 personas, necesitamos a proximidade dun río ou dun mar, a proximidade dun porto internacional" e unha gran produción enerxética.
Confirma que persoalmente lle "estorba a papeleira", pero asegura que o que non lle estorba son "os miles de persoas que viven da madeira" que lle venden a ENCE, por iso defende a prórroga do goberno en funcións de Mariano Rajoy para a pasteira. Recórdalle ao BNG que eles tampouco propuxeron ningunha ubicación alternativa, asegura que a Xunta vixiará o cumprimento da normativa medioambiental e reta ao bloque a explicar que quere acabar con todo un sector.
Pero no Bloque Nacionalista non convence este discurso en defensa do emprego. O voceiro parlamentario, Francisco Jorquera, considera que Feijóo "non defende os postos de traballo, senón os intereses dunha empresa amiga", que conta con antigos cargos do Partido Popular no seu consello de administración. Asegura que ENCE representa unha pequena parte do emprego en Pontevedra e que de feito "destrúe máis emprego do que crea", cun "modelo depredador de recursos naturais".
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores (BNG), que estivo presente no pleno do Parlamento, incidiu nesta mesma idea, lamentando que os pontevedreses teñan que aguantar o "fedor" de ENCE durante 60 anos máis. Asegura que na Rïa de Pontevedra "se poden producir moitísimos postos de traballo relacionados co sector primario, co marisqueo, coa acuicultura, desde logo co esparcimento, co turismo", calificando de demagóxica a defensa do emprego do presidente da Xunta.
MADEIRA PARA ENCE
Outro dos puntos candentes do debate xurdiu cando Feijóo defendía o sector madereiro galego, asegurando que tiñamos "madeira dabondo para dúas ou tres centrais de pasta", e criticando aos nacionalistas por lastrar a industrialización de Galicia.
O alcalde de Pontevedra criticou estas palabras, recordando que a alta produción de madeira está ligado á plantación de eucaliptos e que "despois de dúas ou tres colleitas de eucalipto se acabou o terreno, queda inservible". Por iso considera o modelo proposto polo presidente da Xunta "migallas para hoxe e fame para mañá".
Escribe tu comentario