AGE denuncia recortes nas universidades galegas
Esta mañá AGE presentou na Comisión de Educación do Parlamento un informe do Tribunal de Contas que evidenciaba recortes por enriba da media nas universidades galegas. Pero este texto foi rebatido pola Xunta con outros documentos que indicaban exactamente o contrario.
Os recortes no sistema universitario galego semellan algo difuso, que varía segundo a quen lle preguntemos. Esta mañá AGE presentou na Comisión de Educación do Parlamento un informe do Tribunal de Contas que evidenciaba recortes por enriba da media nas universidades galegas. Pero este texto foi rebatido pola Xunta con outros documentos que indicaban exactamente o contrario.
Segundo o informe do Tribunal de Contas esgrimido polo deputado de AGE Ramón Vázquez, o financiamento das universidades galegas viuse reducido nun 17% entre 2008 e 2012, un recorte situado "nove puntos por enriba" da media española.
Pero para o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro, este informe non está orientado a "facer unha análise comparativa das universidades". En contraposición, asegura que existen moitos outros documentos que pon de manifesto que "as universidades galegas están bastante ben" con respecto ao sistema español.
En concreto, cita un informe de CCOO que "constata que as galegas son as que menos baixan de toda España", ademais de informes elaborados polos xerentes das propias universidades.
Para o parlamentario de AGE, estas verbas non son senón o recoñecemento de que efectivamente houbo "recortes" no plan de financiamento 2011-2015. Axustes imprescindibles para o representante da Xunta, por parte dunha institución que tiña "miles de millóns de euros menos que en 2009".
Escribe tu comentario