#Claves de la semana
SANTIAGO DE COMPOSTELA

O Derby, un café tradicional que sobrevive no século XXI

É un dos expoñentes de café faladoiro en Galicia. As súas portas abríronse en 1929. Acolleu a personaxes tan relevantes como Valle-Inclán, Rafael Dieste ou Carlos Casares


|

Vitoria Domínguez herdou en 1989 o café Derby, un icono mas de Santiago de Compostela


A principios do século XX os cafés lograron converterse nos lugares de reunión para a elite cultural urbana. Os faladoiros e os temas elevados eran o panorama que os hostaleiros vían alén do mostrador.


Camilo José Cela escribiu na colmea que "o café, antes de media hora, quedará baleiro. Igual que un home ao que se lle borrou de súpeto a memoria". E é que nos cafés de maior soleira das nosas cidades forxouse parte da nosa cultura e da nosa historia. Perder os cafés é perder esa memoria viva. Algúns como o Voltaire de Ourense ou o Derby de Vigo xa desapareceron hai tempo. Este ano, o café Comercial, todo un símbolo en Madrid, tamén pechaba as súas icónicas portas.


Un dos cafés con máis soleira de Galicia é o Derby, en Santiago. Situado no nº 29 da rúa das Orfas, o establecemento está na fronteira entre o centro histórico e o Ensanche compostelán; parece estar no medio de dúas épocas. Permanece, señorial, desde 1929, mentres ao seu ao redor todo cambia. A pesar de non ser o máis antigo de Galicia -en Lugo está o café Centro, fundado no ano 1903- o certo é que se converteu no referente dos cafés de faladoiro galegos.


Traspasar o limiar do Derby é dar un paso cara a outro tempo. A barra de mármore macizo chega case á altura do pescozo e as vidreiras, decoradas con belas cores, permiten observar o bulicio da cidade. As lámpadas con infinidade de cristaliños, as mesas de madeira e os camareiros ataviados con chaleco negro e camisa fan pensar que alí o tempo non pasa. Só a vestimenta da clientela ou o cartel que anuncia o wifi rompen brevemente esa maxia que nos leva ao pasado.


Victoria Domínguez Domínguez herdou o café do seu pai en 1989. O establecemento fundouno en 1929 "un señor que non era da profesión e tívoo ata 1935". Nese ano "comprárono dous empregados". Un deles era o seu pai, que acabou sendo o único dono. "Nesa época este bar era o último", afirma Victoria. A decoración do establecemento está coidada ao detalle: "A madeira do zócalo é de caoba, traída expresamente de Cuba; o mostrador é de mármore de Carrara; e as vidreiras son italianas, da casa Veneciana", relata.


A dona conta que nas cadeiras onde conversamos sentaron a charlar no seu momento personaxes da talla intelectual de Valle-Inclán, Carlos Casares ou Rafael Dieste e aclara que ela sabe iso "de ouvidas", porque nese momento aínda non levaba as rendas do establecemento. Relata que, polo que ela sabe, viñan charlar e non tanto a escribir. "Este café fíxose para unha elite", recalca Domínguez. A pesar diso, sinala que hoxe vén calquera tipo de persoa. "Estamos no século XXI", sentenza.


Os faladoiros, o aceno de identidade do café, tamén se están perdendo. "Agora non hai tempo para charlar, para ter eses faladoiros longos. Vén xente que se cita para resolver negocios, por exemplo. É que estamos noutras épocas", di Victoria tratando de aceptar que o tempo dourado dos cafés chegou ao seu fin. Pero tampouco se resigna e apunta que nunca se pode dicir que acabou para sempre, "todo pode repetirse".


A influencia da universidade tamén foi notable e ao preguntarlle se os seus membros tamén eran habituais do café non ten dúbidas: "Naturalmente, o establecemento concibiuse para esa xente". Sorprende saber que "seguen vindo universitarios". Segundo Domínguez, "cítanse grupos no local e tómanse as súas cervexas" e ela goza da clientela nova, xa que "sempre é agradable que veña xente tan alegre".


Actualmente traballan moito co turismo, coa xente que vén buscando o café máis emblemático da cidade ou que quere seguir os pasos dos seus ilustrísimos exclientes. Segundo a dona, os visitantes son quen máis consomen.


O Derby segue apostando pola "calidade" para diferenciarse. Como relata Victoria, "nós traballamos cun café súper, de moita calidade. Hoxe en día hai cafés moi bos". Ademais, o persoal tamén se encarga de coidar os detalles. O uniforme é como o dos camareiros da época. "Estes mozos están moi ben preparados, teñen o seu inglés e a súa informática, son grandes profesionais", subliña.


Victoria Domínguez xa ten idade para xubilarse, pero decide seguir activa. Sobre o café di que durará ata que ela "se canse" e explica que "a hostalería non está o suficientemente valorada" . Non cre que outra xeración continúe o seu legado, un legado que Vitoria mantén para todos nós.

Última hora

Sin comentarios

Escribe tu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.
Última hora
Cabeceralomasleido 1
Cabecerarecomendados 1

Galiciapress
Plaza de Quintana, 3 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS LOS DERECHOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidad - Configuración de cookies - Consejo editorial - Publicidad
Powered by Bigpress
CLABE