Sanidade informa de que a auga dos concellos de Mugardos, Ares, Fene e Narón xa é apta para o consumo humano
Os resultados das analíticas realizadas onte polo Laboratorio de Saúde Pública de Galicia confirman parámetros de trihalometanos normais nestes concellos
Concello de Ferrol
A Coruña, 19 de xullo de 2015.- A Delegación da Xunta de Galicia na Coruña, logo de recibiren onte pola tarde os resultados das análises realizadas polo Laboratorio de Saúde Pública de Galicia, informa de que levanta a recomendación de non consumir auga da billa nos concellos de Mugardos, Ares, Fene e Narón, onde xa se rexistran parámetros de trihalometanos dentro dos límites recomendados.
A Consellería de Sanidade informa de que os resultados das analíticas destes concellos dan niveis de entre 54 e 87 microgramos/litro de trihalometanos, cando o máximo permitido é 100, queda normalizado o subministro de auga, agora perfectamente apta para o consumo humano, nestes municipios.
Así foi comunicado consecuentemente aos alcaldes dos cinco concellos afectados polo problema na calidade da auga de consumo humano. Pódese consultar a nova comunicación da xefatura territorial neste enderezo.
Os resultados das analíticas de trihalometanos deron 86 miligramos/litro en Mugardos, 54 miligramos/litro en Ares, 54 miligramos/litro en Fene, e 87 miligramos/litro en Narón.
A delegada territorial vén de convocar aos rexedores dos concellos afectados a unha reunión, ás 11 horas, no Edificio Administrativo da Xunta de Galicia en Ferrol, para dar conta dos resultados das analíticas obtidas por Sanidade e estudar próximos pasos e busca de solucións para o concello de Ferrol, o único aínda afectado pola restrición.
A Consellería de Sanidade mantén a súa mensaxe de tranquilidade á cidadanía do Concello de Ferrol, que estes días están a verse afectados por un problema na auga da traída. Trátase dunha alteración puntual de poucos días, que non ten repercusión para a saúde posto que, a substancia atopada na auga en porcentaxes superiores aos permitidos legalmente, non pode producir efectos nocivos en tomas que non superen hábitos continuados a moi longo prazo, de anos.
Asimesmo, a Xunta continúa a total disposición do Concello de Ferrol para axudarlle a atallar o antes posible este problema, tanto a través de Augas de Galicia como da Consellería de Sanidade, que ofrecen a súa colaboración ao concello, administración competente en materia de auga de consumo humano, e á empresa xestora, da que é presidente o alcalde de Ferrol.
Recomendacións na web
A Consellería de Sanidade lembra que Sanidade ten a disposición da cidadanía, na súa páxina web, unha serie de recomendacións sanitarias e información sobre os trihalometanos, que se poden consultar no enderezo antes facilitado ou no enlace dispoñible na portada da web do Sergas, na sección de “Novidades”.
Escribe tu comentario