O BNG cuestiona "algunhas cifras de gasto social" dos Premios Corazón de Pedra
Os concellos de Carballo e Pontevedra, gobernados polo BNG, recibiron dous corazóns de pedra pola "mala labor en promoción social".
A deputada do BNG Noa Presas considerou que "algunhas cifras de gasto social" que reflicten os Premios Corazón de Pedra concedidos pola Asociación de Directores e Xerentes de Servizos Sociais aos municipios que destacan por un mal labor en materia de promoción social "non se corresponden coa realidade" no referido aos concellos de Carballo ou Pontevedra.
Preguntada pola concesión destes distintivos a estes dous municipios gobernados polo BNG, Noa Presas explicou que "normalmente este tipo de estatísticas non adoitan comparar o mesmo". Así, sinalou que en moitos municipios "gasto como o deportivo ou o cultural están incluídos no capítulo sete, de gasto social", unha cuestión que, por exemplo, non ocorre en Pontevedra, onde "intervención determina que o gasto deportivo, cultural e o de festas vai fóra do capítulo sete".
"Entón, se facemos unha comparación dos capítulos que tradicionalmente nos concellos se dedican a ese gasto social e non temos en conta circunstancias como esas, pode ser que as cifras varíen e que non se correspondan coa realidade", asegurou.
Fronte a iso, deixou claro que, para o BNG, "a aposta polo gasto social é unha prioridade en absolutamente todos os campos e coherente, tanto na acción parlamentaria, como na acción de goberno nas institucións polas que pasa".
"Convido a calquera a pasear polas rúas de Pontevedra e ver a forte aposta que hai polos servizos, ou o caso de Carballo", sinalou.
Escribe tu comentario