Podemos pide que o Congreso investigue os sobrecustos no AVE a Galicia
Demandan unha investigación sobre a "posible administración desleal dos recursos públicos a través da práctica sistemática do sobrecusto".
Unidos Podemos e Compromís queren que o Congreso cre unha comisión de investigación sobre a posible "administración desleal" dos recursos públicos a través da práctica sistemática do sobrecusto que se impuxo nos últimos anos, un órgano no que, entre outros asuntos, debería analizarse o rescate das autoestradas radiais de Madrid, a privatización de Aena e os sobrecustos do AVE.
Os encargados de rexistrar esta iniciativa foron os deputados de Podemos Sergio Pascual, Ángela Ballester e Juan Pedro Yllanes. Unha vez rexistrada, terán que solicitar que o seu debate se inclúa na orde do día do pleno do Congreso, que, en principio, non volverá reunirse ata o próximo mes de febreiro.
No seu texto, Unidos Podemos e Compromís demandan unha investigación sobre o "obxecto, razóns, destino e posible administración desleal dos recursos públicos a través da práctica sistemática do sobrecusto, xa sexa mediante autorización de modificados ou proxectos complementarios".
E, en concreto, expoñen que a comisión se centre en investigar as constantes "baixas nas ofertas por parte dun grupo de empresas concretas", xa que sospeitan que pode estar a se producir un "fenómeno de cartelización".
MODIFICADOS DE CONTRATOS
Tamén buscan que se aclare se existiu unha "administración desleal" derivada de posibles "inaplicacións ou aplicacións lesivas para o erario público" da Lei de Contratos do Sector Público que, para a valoración de propostas, prevé a necesidade de atender "xa non o prezo máis baixo", senón outros criterios como a calidade, a revisión das retribucións ligadas á utilización da obra, os prazos de execución ou as características ambientais.
O terceiro obxectivo da comisión debe ser avaliar como se aplicou o mandato do Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TJUE) respecto dos modificados de contratos, que só deben facerse se existe "un interese público que o aconselle", se non afectan o contido " esencial" e se se motiva e acredita "a causa que ampara finalmente o modificado".
AVE A GALICIA
Na exposición de motivos da súa petición, ambas as formacións inclúen unha longa listaxe de posibles casos a investigar: as mencionadas radiais de Madrid e a privatización do 49% de Aena; o "escándalo" de ACUAMED no que, recalcan, están implicados "os ministerios de Presidencia, Agricultura e Facenda e que revelaba 45 millóns en sobrecustos; as sucesivas ampliacións de concesións de servizos públicos como autoestradas e centros hospitalarios como o privatizado Hospital de Burgos e o caso do porto xixonés do Musel, que investiga a Audiencia Nacional.
Capítulo á parte merecen os sobrecustos en distintas obras de alta velocidade ferroviaria: o AVE Madrid-Barcelona (10.000 millóns en sobrecustos), o AVE Alacante-Murcia (20 millóns de euros máis do previsto), a variante de Loja do trazado do AVE a Granada (que xa acumula un custo estimado de 1.645, máis do dobre do cálculo inicial) e o AVE a Galicia (case 2.000 millóns en sobrecustos).
Todos estes casos, sinalan, producíronse seguindo sempre o mesmo "modus operandi": a administración licita unha concesión ou obra pública, unha empresa con recursos financeiros amplos concursa á baixa (en ocasións ata o 40%) e recibe a adxudicación e despois esíxense modificados e/ou obras complementarias por valores que acaban alcanzando e mesmo superando o prezo de licitación.
Escribe tu comentario