O SLG reclama á Dirección de Minas a caducidade das concesións a Erimsa na Terra Chá
Denuncian o "silencio administrativo" a un escrito presentado polo colectivo labrego en abril solicitando que se declarasen expiradas as concesións.
// Sindicato Labrego Galego
A coordinadora do Sindicato Labrego Galego na Terra Chá, Margarida Prieto Ledo, vén de solicitar unha xuntanza co persoal responsable da Dirección Xeral de Enerxía e Minas para aclarar os motivos polos que a Consellaría de Economía, Emprego e Industria non declara as caducidades das concesións mineiras a Erimsa en concellos como A Pastoriza, Cospeito, Castro de Rei, Abadín, Riotorto e Vilalba.
Segundo indica o sindicato nun comunicado, o pasado 5 de abril, presentouse diante da dita Consellaría unha solicitude para que se iniciase o expediente para declarar as caducidades das concesións mineiras Pastoriza 5562, Alicia 5917 e Karles 5919. Porén, pasados seis meses, "Industria segue sen contestar", polo que o colectivo di "ignorar se se iniciou o procedemento para declarar estas caducidades ou non".
Dende o Sindicato Labrego Galego lamentan o "silencio administrativo", e reivindican que "está en xogo o futuro dunha extensa área de grande valor agropecuario da que depende a economía de centos de familias labregas".
SENTENZA DO TSXG
O sindicato labrego fai referencia no seu comunicado á recente sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) contra Erimsa, que "desestimou o recurso contencioso-administrativo que interpuxo mineira norueguesa contra a denegación, por parte da Consellaría de Medio Ambiente, da autorización para explotar Alicia, N.5917".
Nesta sentenza, segundo o colectivo, as probas periciais que se achegan sobre o impacto ambiental negativo en 3.399.997 m² falan dunha “relevante afectación á estrutura agrolóxica do terreo (…) que incorpora un solo de alta produtividade agrícola ou gandeira, característico do solo rústico de protección especial agropecuaria, e concorre no seu espazo a recente concentración de Goá (Cospeito), o que afecta 852 hectáreas, existindo ocasionalmente carballos e castiñeiros, afectando de forma relevante á estrutura viaira, tres vías da rede primaria complementaria e dúas da rede provincial secundaria, así como canles hidrolóxicas e zonas inundables do Miño, Anllo, Guisande, Pequeno, Pequeno de Anllo, Rego de Ribela, Rego de Pumar, Rego de Albán e humidais de Arneiro e As Barcias, e un espazo natural do Río Anllo e enclaves arqueolóxicos de O Castro, túmulos de Rodís e Froilán”.
En virtude desta sentenza desestimatoria dunha das tres concesións, e do "enorme impacto probado que tería a explotación mineira de cuarzo na Terra Chá pretendida con Erimsa", dende o Sindicato Labrego Galego entenden que a Dirección Xeral de Enerxía e Minas debe declarar a caducidade das concesións mineiras a Erimsa na Terra Chá "de maneira inmediata" e piden que non se siga adinado unha decisión da que "depende o futuro social e económico dunha das comarcas agrogandeiras máis ricas e importantes de Galiza".
Escribe tu comentario