Pontevedra recibirá en China un novo premio internacional polo seu modelo urbano
O galardón recoñece a aposta da cidade pola mobilidade peonil e ciclista.
O vindeiro sábado 10 de decembro o Concello de Pontevedra recibirá na cidade-subprovincia chinesa de Shenzhen un premio ao seu modelo urbano na categoría de 'mobilidade amable'.
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, compareceu este luns ante a prensa para informar sobre este novo galardón que recoñece a aposta da cidade pola mobilidade peonil e ciclista.
O premio é outorgado polo CINEV Show (Euro-China Green&Smart City Awards), un congreso internacional sobre novas enerxías que organiza cada ano o premio 'cidade de mobilidade intelixente', que recoñece ás cidades de Europa e Asia que destaquen polos seus compromisos nestes aspectos. Esta entidade xa concedeu o ano pasado un premio a Pontevedra na cidade de Hong Kong.
Miguel Anxo Fernández Lores viaxará a Shenzhen para recoller persoalmente este recoñecemento e acompañarano a concelleira de promoción económica, Anabel Gulías e o intendente principal da Policía Local, Daniel Macenlle.
Ademais de recoller o premio, Pontevedra participará no marco deste congreso internacional nunha mesa redonda con representantes doutras seis cidades europeas: Budapest, Friburgo, Funchal, Montpellier, Tecnopil e San Lucido.
O alcalde da cidade do Lérez aproveitará a viaxe a China para participar nun foro organizado no Instituto Urbano de Pequín. A experiencia de Pontevedra, que prima o peón sobre o vehículo, servirá á autoridade municipal de Pequín para desenvolver un proxecto que pretende peonalizar o centro da cidade.
En Bruxelas, Pontevedra recibiu en 2015 o primeiro premio que a nivel internacional recoñecía o modelo urbano. Tras el chegaron o 'ONU-Hábitat' entregado en Dubái e, en Nova York, o premio á Excelencia que entrega anualmente o Centro para o Deseño Activo, unha axencia dependente da fundación creada polo millonario Michael Bloomberg, exalcalde da cidade.
Na vitrina do Consistorio pontevedrés tamén destaca o premio Cidade de Mobilidade Intelixente Euro-China 2015 que se entregou o pasado ano en Hong Kong.
Escribe tu comentario