Un centro de maiores da Xunta castiga a quen denuncia as deficiencias na atención
Lola, a nai dunha muller discapacitada da residencia de Oleiros, ten limitadas as visitas cando a propia inspección da Xunta recoñeceu carencias na prestación dos coidados básicos.
![Residenciaoleiros 1](http://www.galiciapress.es/imagenes/residenciaoleiros_1.jpg)
A Residencia Asistida de Maiores de Oleiros, centro público da Xunta, limitou as visitas á nai dunha muller residente no centro que presentou queixas polas deficiencias na atención da súa filla. Tal e como apunta a Coordinadora Antiprivatización da Sanidade Pública "non é a primeira vez que nese centro se denuncian deficiencias na asistencia".
Nun comunicado, a coordinadora explica o caso de Lola, que detectou na súa filla "falta de hixiene, a mala calidade da comida, que non lle dan de beber axeitadamente" e outros comportamentos como, en ocasións, deixala "atada a súa cama 16 horas continuadas" ou non levala ao salón de visitas "no horario establecido polo propio centro".
Con este "sufrimento e impotencia", Lola presentou varias queixas ante a Xunta de Galicia por maltrato, que, tal e como recorda a coordinadora é "calquera acto ou omisión que produza dano, intencionado ou non", ou que "vulnere e poña en perigo a integridade física, psíquica, así como o principio de autonomía ou o resto dos dereitos fundamentais do individuo".
Pero, ante estas reclamacións, a decisión da dirección do centro foi "limitar a Lola o horario de visitas", deberá realizarse exclusivamente nun espazo concreto, "impedindo que suba a habitación da súa filla, nunha clara discriminación cos demáis residentes".
DEFICIENCIAS NO SERVIZO
A propia inspección da Xunta, tal e como informa a coordinadora, detectou deficiencias na prestación de coidados básicos á filla de Lola e elaborou un informe "demoledor" contra o centro. No documento require á dirección do centro que mellore a hixiene, a manutención e os protocolos para a posta ao baño, os cambios posturais e de cueiros.
Os feitos conduciron á presentación dunha denuncia xudicial, dado que, segundo informa a Coordinadora, os feitos poderían ser constituitivos de "infraccións punitivas", toda vez que "afectan á dignidade das persoas, e especialmente dunha persoa discapacitada"; ao tempo que incide na natureza "vexatoria e indigna" do trato infrinxido por un organismo público, que, entende, vulnera "os dereitos máis elementais da humanidade".
O PERSOAL DA RESIDENCIA DEFENDE O SEU BO FACER
Os traballadores do centro negan que os residentes estean sufrindo este tipo de deficiencias na atención. Atribúen a polémica a unha familia concreta problemática, que, segundo contan, chegaron a agredir a unha das traballadoras. Tamén lamentan a falta de persoal na residencia, que provoca unha "sobrecarga de traballo".
Escribe tu comentario