O Concello de Mondoñedo incentivará economicamente a natalidade
A alcaldesa, Elena Candia, dixo que están redactando as bases, que se presentarán a finais de ano.
Os orzamentos do Concello de Mondoñedo para 2017 recollen unha partida destinada a incentivar economicamente que xente nova decida escoller este municipio como lugar de residencia e ter alí aos seus fillos.
Diso informou este martes a rexedora, a popular Elena Candia, quen explicou que este incentivo económico irá unido a "unhas políticas fiscais". "Damos un paso máis a favor de tentar reverter esa tendencia do despoboamento que temos no noso concello como outros moitos do interior de Galicia", indicou.
En canto ás axudas, Elena Candia explicou que se están "redactando as bases" polas que se rexerán e avanzou que "se presentarán a finais de ano".
FUTURO DE FEIJÓO
Por outra banda, preguntada respecto diso, a rexedora lucense, tamén presidenta do PP de Lugo, asegurou que "non" lle "compete" participar no debate sobre a sucesión de Feijóo á fronte do PPdeG.
"Supoño que é un debate que non se pode evitar, pero non me compete participar nel", asegurou para explicar que a ela compételle " pedir e reivindicar proxectos para Lugo, traballar por Lugo". "O resto decidirase noutros foros, nos que eu neste momento non teño nada que dicir", concluíu.
Escribe tu comentario