Santiago defende que xa conta cunha ordenanza de protección animal
Unha voluntaria do Refuxio de Bando presentou unha denuncia ao interpretar que as actuacións do Concello son "insuficientes" e que está a incumprir a "súa obriga".
O Goberno local de Santiago de Compostela asegurou que xa existe unha ordenanza municipal no ámbito da protección animal na capital galega sobre a que, ademais, o departamento de Benestar "está a traballar nalgunhas melloras".
Así, o Concello de Santiago saíu ao paso da "solicitude de denuncia" presentada este xoves a título persoal por Virxinia Domínguez, voluntaria do refuxio de animais de Bando, contra o alcalde de Santiago, Martiño Noriega, como "máximo responsable da lei de protección animal a nivel concello".
Nela, Domínguez reclama ao Consistorio santiagués que formalice unha "regulación propia" para facer cumprir a lei de protección animal, xa que entende que as actuacións levadas a cabo desde o Pazo de Raxoi neste sentido son "insuficientes".
"Dadas as necesidades dunha urbe como Santiago de Compostela, considérase que as medidas dispostas polo Goberno municipal para cumprir coa súa obrigación legal establecida na lei autonómica de protección animal, son insuficientes, polo cal se entende que non están a cumprir coa súa obrigación", reza o texto da denuncia.
En relación a isto, fontes do Concello de Santiago indicaron a Europa Press que xa existe unha ordenanza municipal sobre protección animal en Santiago, aprobada polo Pleno da Corporación en marzo de 2003. Así mesmo, indicaron que a departamento de Benestar está actualmente "traballando nalgunhas melloras" desta regulación.
Escribe tu comentario