Xerais lanza 'O cuarto das abellas', de Antía Otero
O libro "nace da tensión entre o doméstico e o salvaxe", en palabras de Fran P. Lorenzo, que escribiu a contraportada do libro.
Xerais lanzou unha nova obra da poeta e editora Antía Otero (A Estrada, 1982). Co título de 'O cuarto das abellas', a autora presenta unha obra que "nace da tensión entre o doméstico e o salvaxe, en palabras de Fran P. Lorenzo, que escribiu a contraportada do libro.
Na súa descrición, Fran P. Lorenzo explica que a obra se "detén na formalina dos recordos" e fai resoar, nas "celas da memoria", o "misticismo indomable de Emily Dickinson".
'O cuarto das abellas' é un apiario de palabras, "unha estrutura pechada e inquietante" no que se esgrime unha poesía agre, sen almíbar". "Porque amargo é a verdade, o amor e todo aquilo que aquí doe pola súa certeza", agrega.
Nesta obra, a autora, que gañou o VII Certame Francisco Añón co poemario 'De porta un Horizonte' (2003), penetra cautelosamente na linguaxe e comparte "o seu fermoso acto de risco, o perigo-mel duns versos que, como o veleno das abellas, pican e sanan á vez", conclúe Fran P. Lorenzo.
A obra, que se divide en 'Abellariza', 'Melisa', 'Formalina', 'Obreiras' e 'A Esmelga', preséntase este venres no Numax, en Santiago de Compostela, coa participación da autora, o editor Fran Alonso (Xerais), a crítica literaria Ana Salgado, e a música de Isaac Garabatos.
Escribe tu comentario