Alerta ante o repunte da conflitividade nas aulas galegas
O curso pasado pechouse con 851 expedientes disciplinarios a alumnos galegos, a maioría de ESO.
O curso 2015-2016 pechouse con 851 expedientes disciplinarios a alumnos galegos de todas as etapas, o que supón un repunte de 186 respecto dos datos rexistrados o ano anterior.
A maioría, uns 615, producíronse na etapa de secundaria (ESO), aínda que o sindicato ANPE advertiu do progresivo aumento de expedientes abertos en primaria (54), que se duplicaron desde o ano anterior, e da "conflitividade" que se rexistra nas aulas de FP Básica.
Por provincias, Pontevedra (389) e A Coruña (326) acumulan a inmensa maioría dos conflitos con alumnos que resultaron en apertura de expediente disciplinario. O primeiro caso aglutina case a metade dos que se abriron en toda Galicia en primaria, secundaria e FP básica.
Agresións entre alumnos e faltas de respecto ao docente son as incidencias máis frecuentes, "sobre todo en FP Básica", segundo sinalou en rolda de prensa, Xulio Díaz da ANPE.
SITUACIÓNS "GRAVÍSIMAS"
O sindicalista advertiu das situacións "gravísimas" que se rexistran nesa etapa, con expedientes abertos a "tres de cada cen alumnos" e chegando a producirse "ameazas de morte" aos profesores por parte de estudantes que se dedican a "montar leas porque non queren estar" en clase.
A pesar diso, as cifras de expedientes disciplinarios ao alumnado afectan a un 0,28 por cento do total de estudantes, polo que o sindicato recoñece o "privilexio" de impartir clase en Galicia en comparación cos conflitos que se producen noutras comunidades, como Madrid ou Andalucía.
"XA VIRÁ O MEU PAPÁ POR AQUÍ"
O constante incremento de expedientes en primaria levou ao sindicato para alertar sobre a constante perda de respecto á imaxe do profesorado como autoridade por parte do alumnado, chegándose a producir conflitos con pequenos de 8 a 10 anos e ata en Infantil, onde se ameaza ao docente con expresións como 'xa virá o meu papá por aquí'.
Neste sentido, Díaz achacou parte desta perda de respecto ás propias familias con iniciativas como a "folga de deberes", que considera un "falso debate", e advertiu que na educación "fan falta todos" e non só os centros.
O sindicato trasladou que os mozos dedican unha media de 990 horas ao ano a ver a TV e 960 á escola, ademais de dúas horas diarias a videoxogos ou Internet. Por iso, en gran parte das ocasións son "os propios pais" os que fan os deberes dos seus fillos.
Así mesmo, segundo cifras da Fiscalía de menores, este ano rexistráronse 2.663 delitos relacionados con mozos de entre 14 e 16 anos dos que 678 terminaron en xuízo, ademais dun 86 por cento do aumento da violencia doméstica con 298 agresións de menores a pais denunciadas por proxenitores.
Xulio Díaz considerou que o debate debería trasladarse á "racionalización" e á "calidade" das tarefas do alumnado en lugar de "deberes si ou deberes non", ademais de apelar á responsabilidade conxunta de centros e familias no proceso educativo.
ATENCIÓN AO DOCENTE
O sindicato tamén desvelou en rolda de prensa os datos correspondentes ao informe sobre o servizo do 'Defensor do Profesor', que se saldou con 117 chamadas de docentes por problemas con alumnado, os seus compañeiros ou a propia directiva do centro.
O 62 por cento das chamadas producíronse na etapa de secundaria, o 21 por cento en primaria e o 92 por cento presentaban cadro clínico de ansiedade.
As queixas máis comúns referíanse a faltas de respecto na aula (24%), problemas para dar clase (20%), conflitos con outros docentes (11%), acoso, insultos e ameazas de pais (10%).
Escribe tu comentario