GCiencia, Numax e o Festival Agrogay, candidatos ao Premio do Público Culturgal
O Premio do Público Culturgal instituiuse no 2013 coa finalidade de facer público o recoñecemento de proxectos destacados e relevantes para a sociedade e vinculados a cultura galega.
O portal da ciencia de Galicia GCiencia, a cooperativa Numax e o Festival Agrogay da Ulloa son os tres candidatos que optan este ano ao Premio do Público da Feira Culturgal.
A directiva da feira, integrada pola Asociación Galega de Editoras, Escena Galega, Agapi, AGEM e Eganet, seleccionou a estas tres "candidaturas novas" pero "cun sólido percorrido e perspectivas de futuro" para optar a este galardón.
O Premio do Público Culturgal instituiuse no 2013 coa finalidade de facer público o recoñecemento de proxectos destacados e relevantes para a sociedade e vinculados a cultura galega.
O portal GCiencia naceu en 2013 para contar a ciencia desde o xornalismo e como escaparate da investigación de Galicia cara ao mundo. Con preto de 150.000 visitas mensuais e unha activa e crecente comunidade en redes sociais, a plataforma foi recoñecida recentemente co premio de Xornalismo Dixital de Galicia 2015, que coñece o Foro da Comunicación.
A sala Numax abriu no centro de Santiago de Compostela a principios de 2015 como unha cooperativa con vocación de sala de cinema, librería, laboratorio de deseño e distribuidora de filmes. O ano da súa fundación obtivo recoñecemento ao mellor proxecto cooperativo por parte da Xunta.
Finalmente, o Festival Agrogay da Ulloa, que se celebra no mes de agosto en Monterroso, busca dar maior visibilidade e reivindicar a diversidade afectiva, sexual e vital no ámbito rural, así como dinamizar a comarca e recuperar a vida nas aldeas.
As votacións, a través da páxina www.cultur.gal, arrincan este xoves e concluirán o próximo día 25 a medianoite. A candidatura que alcance un maior número de votos será a gañadora do Premio do Público Cultural 2016.
Escribe tu comentario