O uso continuado de roupa axustada pode ter consecuencias negativas na saúde
Os fisioterapeutas galegos advirten a través dun 'videoconsello' dos problemas derivados dos malos costumes á hora de vestir.
O Colexio Oficial de Fisioterapeutas de Galicia (CoFiGa) advirte das consecuencias dun uso abusivo da roupa axustada no seu videoconsello de outubro/2016 da campaña "12 meses, 12 consellos de saúde", unha iniciativa coa que pretenden previr problemas de saúde.
O uso continuado de roupa demasiado axustada, tal e como aseguran, pode traer consecuencias na circulación, como inchazóns ou retornos venosos, que poden favorecer a aparición de varices ou celulite. Un primeiro indicio destes problemas son as marcas na pel.
Por outra banda, o videoconsello lembra que debemos prestar atención á altura á que abrochamos o pantalón ou a saia, porque pode limitarnos o libre movemento da cadeira e a columna lumbar, producíndonos dor na zona que a longo prazo pode desencadear dor noutras partes do corpo.
O 'videoconsello' dedica unha parte en especial ás mulleres, ás que advirte de que un talle de sostén demasiado pequeno pode provocar problemas na columna dorsal, dificultar a respiración ou comprimir 'puntos gatillo' que provocan dor noutras zonas.
O Colexio Oficial de Fisioterapeutas de Galicia (CoFiGa) realiza estas recomendacións en formato vídeo conxuntamente cos colexios homónimos de Madrid, Cataluña, País Vasco e Navarra, dentro da campaña "12 meses, 12 consellos de saúde".
Escribe tu comentario