Industria tramita o proxecto dunha planta de biomasa ilegal en Curtis
ADEGA xunto coa FEG presentaron alegacións a esta central eléctrica que supera en cinco veces o tope de potencia para este tipo de plantas.
Emprazamento da planta proxectada. //Foto: ADEGA
ADEGA e a Federación Ecoloxista Galega (FEG) presentaron alegacións a un proxecto de central eléctrica de biomasa que a empresa Renova Generación de Energías Renovables S.L. pretende construir en Curtis. Ambas as dúas asociacións critican que esta planta non se axusta ao marco legal galego que regula o aproveitamento da biomasa forestal, pois os 50MW de potencia que se pretenden instalar superan en 5 veces o máximo permitido de 10MW.
O proxecto debería supoñer "unha causa inmediata de nulidade da tramitación administrativa", pero a Consellería de Industria estáo a tramitar "sen máis", tal e como informan as asociacións ambientalistas. Deste xeito, interpretan que non é "unha casualidade", senón "a consecuencia dunha política forestal e enerxética que visa converter Galiza nun deserto verde de eucaliptos para queimar e engordar as contas de resultados do lobby eléctrico-pasteiro".
Explican que o tope de potencia para as plantas de biomasa se estableceu para "axeitar a potencia ao combustíbel dispoñíbel nunha determinada área xeográfica (50 km de radio arredor de cada instalación) e actuar como complemento doutros aproveitamentos forestais". Porén, lamentan que con esta nova estratexia será "necesario empregar cultivos enerxéticos para garantir a subministración de biomasa".
Unha situación de "masificación" dos cultivos enerxéticos que explica, a xuízo das asociacións, "a rapidísima extensión do Eucaliptus nitens por grandes áreas do país, unha especie de menor interese para producir pasta de papel, mais idónea para queimar en ciclos produtivos de 3/6 anos". Auguran tamén que "o goberno de Feijóo podería ter na recámara unha modificación do Decreto 149/2008 para liberalizar a potencia das centrais de biomasa".
Escribe tu comentario