Villares: “Existen inxustizas que unha sentenza non pode resolver”
O último acto de precampaña electoral do candidato de En Marea á Presidencia da Xunta de Galicia celebrouse no Hostal dos Reis Católicos, onde estivo acompañado de Martiño Noriega.
Un dos chamados “alcaldes do cambio”, o de Santiago de Compostela, Martiño Noriega, foi o encargado de presentar ao candidato de En Marea, Luís Villares, no que foi o último acto de precampaña electoral da formación, que tivo lugar no Hostal de Reis Católicos, nun almorzo da Tribuna ‘Fórum Europa’ organizado por Nueva Economía Fórum co patrocinio de AUDASA – Grupo Itínere e Banco Pastor.
Noriega mostrouse “honrado” por ser o elixido para presentar ao seu candidato, Villares, ao que coñeceu, segundo explicou, con 18 anos cando eran ambos representantes sindicais, en Medicina e Dereito respectivamente. O alcalde de Compostela dixo que xa daquela o maxistrado deixou unha forte impresión nel, ao replicarlle ao daquela reitor da USC, Darío Villanueva, durante máis dunha hora.
O alcalde de Santiago dixo do candidato de En Marea que é un home caracterizado pola súa “valentía”, as súas fortes convicións políticas e o compromiso co seu país, o cal o levou a deixar a maxistratura e postularse como candidato para as eleccións do 25S por En Marea.
Dixo que ambos teñen en común que son “rebeldes competentes”, e animou á xente a sair do “medo” e camiñar cara á “liberdade”. Noriega afirmou que a diminución da poboación galega, coa “sangría da emigración” e o baixo número de nacementos, ou a baixada nos soldos, son razóns para apostar por “un cambio de goberno”.
Villares, pola súa parte, resumiu a razón que o levou a deixar a súa carreira no poder xudicial e querer pasar ao executivo como que “existen inxustizas que unha sentenza non pode resolver”.
O candidato explicou tamén que, de chegar á Xunta, lle gustaría recuperar para a cidadanía os dereitos que lle foron “roubados”, e puxo como exemplo o seu compromiso co combate contra a pobreza, o machismo, a corrupción ou os abusos laborais.
AUTOGOBERNO
O candidato de En Marea fixo fincapé na necesidade de ter institucións “pegadas ao territorio”. Afirmou que o PP “desprezou Galicia e a súa xente”, e citando a Walter Benjamin, -- “que todo siga así é a catástrofe”-- acusounos de “non acabarse de acostumar á democracia” e de “vender as mesmas propostas electorais ca en 2009”.
EMPREGO
O candidato de En Marea á Xunta afirmou que entre o último trimestre de 2008 e o último de 2015 se destruíron 14 de cada 100 empregos, e mostrou a súa preocupación coa alta sinistralidade laboral en Galicia, que está “entre as máis altas do Estado”.
Ademais, denuncian a figura do traballador “pobre”, aquel que traballa pero non chega a fin de mes, rexeitan a LOMCE, avogan pola produción renovable e o autoconsumo e manexan tres eixos na estruturación do territorio: a lexislación de costas, a ampliación da superficie agraria ata un terzo do territorio, e a ordenación do solo industrial. Queren así mesmo que a pesca galega recupere o seu papel ampliando as cotas pesqueiras do cerco, saneando as rías e protexendo as costas e as denominacións de orixe galego.
Villares tamén fixo fincapé no reforzo do papel das universidades, e avogou por facer de Galicia un “país acolledor”, ampliando e reforzando o modelo de benestar, aplicando unha renda galega de cidadanía que substituiría ao RISGA, aplicando novas políticas de dependencia ou “salvando” ao SERGAS da “privatización”. Neste senso dixo que a súa intención sería facer unha auditoría para saber o grao de privatización do sistema, e apostou por profesionalizar a figura do traballador de coidados.
Preguntado polas “feridas” do proceso de confluencia con Podemos, Villares dixo que En Marea é unha organización na que converxe moita xente de diferentes ámbitos e que, na súa opinión, tamén reflicte a “unidade e a pluralidade” existente na sociedade.
Ademais, dixo que se non obteñen os resultados esperados o 25S, “seguirá na política”, xa que está comprometido co proxecto, pero mostrouse optimista e espera que sexa “dende o Monte Pío”.
Villares afirmou que de saír elixido presidente, as medidas inmediatas que acometerían serían a reforma da LOMCE e “rematar co peche de escolas”, así coma a modificación do decreto de comedores para permitir a socialización dos nenos e a conciliación da vida laboral e familiar. Tivo tamén palabras para a famosa “caixa finlandesa”, á que tachou de “mostrario de probas gratuítas”.
Escribe tu comentario