A atención a pacientes oncolóxicos no Cunqueiro é un "calvario"
"Os enfermos pásano mal polo que teñen, e fannos sentir peor", relata unha paciente. O BNG denuncia falta de medios e traballadores.
O BNG denuncia a "crueldade inaceptable" da situación que viven decenas de enfermos oncolóxicos que reciben os seus tratamentos no Hospital Álvaro Cunqueiro (HAC) de Vigo, ao ter que esperar horas para recibir esa medicación, en salas pequenas, e sen que se lles facilite auga ou alimentos.
A deputada Montse Prado compareceu nunha rolda de prensa en Vigo, acompañada por unha destas enfermas, Lourdes Crespo, de 59 anos de idade, que describiu o "calvario" que vive cada mércores cando acode ao HAC a recibir quimioterapia.
Segundo relatou esta paciente, os enfermos chegan moi cedo en xaxún e deben someterse a unha analítica de sangue antes de que lles dean os medicamentos. Esa proba debe ir ao laboratorio, logo contar co visto e prace dos médicos, que trasladan o seu 'ok' á farmacia para que preparen as doses de cada tratamento.
Así, entre que chegan ao HAC e empezan a recibir ese tratamento poden pasar "4 ou 5 horas", ás que se suman outras tantas, mentres están sentados na sala someténdose á quimioterapia ou á medicación prescrita en cada caso. "Así todos os mércores, en salas pequenas e saturadas, parece o terceiro mundo. Os enfermos pásano mal polo que teñen, e fannos sentir peor, como bichos raros", lamentou Lourdes.
Montse Prado atribuíu esta "precariedade" á falta de medios persoais e técnicos derivada dos "recortes" do PP. Nesa liña lembrou que, un ano despois da súa apertura, o HAC segue sen ter laboratorio central; que o persoal se reduciu; e que froito desas políticas vívense situacións como as dos enfermos oncolóxicos.
Escribe tu comentario