Os traballadores do Consorcio de Igualdade e Benestar reclaman a equiparación co resto de empregados públicos
Volvéronse concentrar diante da sede da empresa despois de que, hai tres semanas, Rey Varela se comprometese no Parlamento a aprobar un convenio para eles.
O persoal do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar concentrouse hoxe diante da sede da empresa pública para reclamar a posta en marcha "de xeito inmediato" das reclamacións que lle veñen facendo nos últimos tempos á Xunta de Galicia.
A protesta de hoxe foi respaldada por UGT, CCOO e CSIF e, nela, os traballadores reclamaron a súa adhesión ao V Convenio do persoal laboral da Xunta, un sistema de listas público e actualizado, a equiparación salarial do persoal, un sistema de mobilidade xeográfica xusto e unha oferta pública de emprego que dea estabilidade laboral no Consorcio.
Nun comunicado, sinalan que "cada unha das anteriores reivindicacións son xustas e conforme a dereiro", segundo a propia normativa galega.
Hai tres semanas, no Parlamento, o conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, prometeu negociar e aprobar un convenio para o Consorcio. Asegurou na súa intervención, que presenciaron representantes dos traballadores desde a tribuna de convidados, que a "diversidade do status laboral" do persoal do Consorcio "complica" o desenvolvemento dunha "solución para todos", en referencia á aplicación para estes empregados do V Convenio do persoal da Xunta.
Escribe tu comentario