O Consorcio de Igualdade e Benestar consegue retomar a negociación do seu convenio
O conselleiro, Rey Varela, xustifica "a diversidade do status laboral" dos traballadores complica un "solución para todos". A Xunta xa se comprometeu hai dous anos a aprobar un convenio.
O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, asegurou no pleno da Cámara galega que negociará e aprobará un convenio para os traballadores do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, co que si conta o persoal que desenvolve as súas funcións directamente para a Administración autonómica e local.
En concreto, Rey Varela pronunciouse deste xeito tras ser cuestionado pola parlamentaria nacionalista Carme Adán sobre as razóns do Goberno galego para non asinar un convenio colectivo cos ditos empregados. Na súa intervención, a deputada do Bloque comezou saudando aos traballadores do consorcio, tanto aos que se atopaban na tribuna como aos que estaban fóra. A continuación, explicou que se lles prometeu a aprobación "inmediata" dun convenio en 2014, unha vez se integraran, precisou, na Axencia Galega de Benestar, feito que non chegou a ocorrer.
Por esta razón, a deputada do BNG preguntou ao conselleiro de Política Social por que non se asinou un quinto convenio e, en consecuencia, cando se vai facer. E é que sostén que os traballadores levan "oitos anos" esperando a que se firme e "dous anos" -desde 2014- desde que se dixo que se faría de forma "inmediata".
Este martes, traballadores do Consorcio manifestáronse diante da sede da empresa co apoio de CCOO e UXT para esixir "unha mesa de negociación" para saír dun "limbo alegal".
Pola súa banda, Rey Varela fixo fincapé en que o acordo marco formalizado entre a Consellería de Política Social e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) garante o "presente" e o "futuro" dos servizos sociais que se prestan no ámbito local. "O acordo é un fito clave para o que me está preguntando", trasladoulle á parlamentaria nacionalista.
Con todo, admitiu que a "diversidade do status laboral" do persoal do consorcio "complica" o desenvolvemento dunha "solución para todos", aínda que asegurou que o que busca a Xunta, o seu "compromiso", é unha "solución para todos" os empregados. Deste xeito, indicou que "tan pronto" a modificación legal parella ao acordo cos concellos teña "plenos efectos" abrirase unha negociación cos traballadores do consorcio para aprobar o dito convenio.
Así mesmo, precisou que, "por primeira vez en 10 anos", o Goberno galego equiparou os permisos e vacacións do persoal do consorcio cos do persoal da Xunta.
Escribe tu comentario