O nacionalismo, a exame no Día da Patria
O BNG medirá a súa forza na manifestación convocada para a capital galega, coa vista posta nas eleccións de outubro.
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, fixo un chamamento a todas as persoas que "sintan Galicia" a acudir á manifestación do 'Día da Patria Galega' o próximo 25 xullo para "demostrar a forza do nacionalismo imprescindible para derrotar ao Partido Popular", despois da perda de votos que vén arrastrando nas últimas eleccións.
"O BNG vai ser clave para desaloxar a Feijóo da Xunta e imos demostrar a forza do nacionalismo cunha manifestación masiva o próximo 25 de xullo, aberta, reivindicativa e plural, na que enchamos as rúas da capital galega reivindicando os nosos dereitos como pobo e o noso dereito a un futuro mellor que empezará tras a derrota do PP nas urnas", sinalou.
A dirixente do Bloque destacou que este 'Día da Patria' ten a relevancia engadida de celebrarse en véspera das eleccións galegas, nas que a formación nacionalista fixa como obxectivo "sumar para pasar a páxina de sete anos do peor presidente da historia de Galicia, que deixa o país en liquidación, en situación de emerxencia social e nacional, con máis desigualdade, precariedade e pobreza".
"A maioría social deste país vive hoxe peor que fai sete anos, ese é o gran legado do señor Feijóo, con miles de galegos desesperanzados porque non teñen perspectivas de futuro, porque ven como se recortan servizos públicos básicos, porque asisten impotentes a como os seus fillos collen as maletas", denunciou.
Fronte a iso, Pontón asegurou que o Bloque será "a única alternativa nacionalista" que se presente ante o electorado. Así, lembrou que as bases da formación están a elaborar as candidaturas a través de asembleas comarcais previas á aprobación definitiva no Consello Nacional do 23 de xullo.
Escribe tu comentario