A Xunta confía en que unha sanción a España por déficit non afecte a Galicia
A correspondente económica da Comisión Europea en España, Ann Westman, compareceu no Parlamento, onde lembrou que "non hai ningunha obriga de impoñer sancións".
A correspondente económica da representación da Comisión Europea en España, Ann Westman, asegurou este mércores que "polo momento non se sabe" cal vai ser a decisión sobre se se impoñerá sancións ou non a España por incumprir o obxectivo de déficit de 2015, aínda que cre que se debe actuar "dunha maneira intelixente".
Na súa comparecencia no Parlamento galego para falar da nova gobernanza económica na UE, Westman referiuse á responsabilidade fiscal dos países membros para lembrar que este xoves, 7 de xullo, a Comisión Europea "vai tomar unha decisión de como vai actuar contra España".
Respecto diso, lembrou que "non hai ningunha obrigación de impoñer sancións" contra España, pero reiterou que "se hai sancións pode ser unha multa do 0,2% do PIB ou a conxelación de fondos estruturais".
Sobre este extremo, subliñou que "hai varias opinións no Consello (Europeo)", pero indicou que: "Polo momento non podo dicir nada de cal vai ser a decisión da Comisión".
NIVEL DE INVESTIMENTOS "SEGUE MOI DÉBIL"
Noutra orde de cousas, referiuse a que o nivel de investimentos "segue moi débil" na Unión Europea debido ao impacto da crise neste tempo e "non está a recuperar suficientemente rápido", tras baixar unha media dun 15% nos países, aínda que chegou a un descenso do 40% en España, o que "limita a capacidade de crecemento a longo prazo".
Tamén chamou a abordar o impacto da crise "no ámbito social" tras as intervencións dos grupos da oposición galega criticando os recortes impostos pola UE, co obxectivo de "crear emprego de calidade" e para "axudar" a mozas e aos máis afectados durante estes anos.
É "PRONTO" PARA FALAR DO 'BREXIT'
Por outra banda, sobre a marcha do Reino Unido da Unión Europea, Ann West di que é "demasiado pronto" para ter "unha visión e unha opinión" sobre "o impacto do 'Brexit", xa que o Parlamento británico aínda non activou o artigo que notifica a súa saída da UE.
Sobre esta cuestión, dixo que "se debe reflexionar" sobre o porqué de que a xente que vive fóra de grandes cidades en Reino Unido "senten abandonados pola UE". Aquí, cre que "non se fixo suficiente" para dar a coñecer os beneficios da Unión Europea.
XUNTA CONFÍA EN QUE NON HAIA REPERCUSIÓNS PARA GALICIA
Con motivo da visita de Ann Westman ao Parlamento galego, esta representante foi recibida polo presidente da Cámara autonómica, Miguel Ángel Santalices, para interesarse polo seu traballo.
Así mesmo, o director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europa, Jesús Gamallo, tamén recibiu a Westman, nun encontro no que abordaron cuestións como a Política de Cohesión.
No encontro, Gamallo destacou que Galicia é unha das poucas autonomías que si cumpriron obxectivos de déficit, polo que o alto cargo da Xunta móstrase convencido de que o procedemento polo déficit excesivo de España non terá repercusións nas adxudicacións de fondos europeos a Galicia.
Escribe tu comentario