SOS Sanidade Pública reclama un plan para evitar suicidios
A plataforma detecta que é un problema que "crece alarmantemente" en Galicia e que se debería atallar desde as distintas áreas sanitarias, empezando pola Atención Primaria
A plataforma SOS Sanidade Pública insta á Xunta a desenvolver un plan galego sobre o suicidio, unha problemática que "crece alarmantemente". A través dun comunicado, demandou que ese plan estea "dotado cos recursos necesarios para afrontar a gravidade do problema" e que se cren comisións clínico-asistenciais nas distintas áreas sanitarias para, entre outras cuestións, identificar "grupos e situacións de risco e elaborar protocolos de intervención".
Ademais, en tanto non se elabora o citado plan, a asociación solicitou que o Sergas leve adiante "actividades informativas" en colaboración cos medios de comunicación.
Tamén requiriu SOS Sanidade Pública que se mellore "o nivel de coñecemento" dos profesionais de Atención Primaria sobre este problema e que se incremente "a súa capacidade para explorar o risco, avalialo e realizar as actuacións preventivas adecuadas".
Escribe tu comentario