Os sindicatos atribúen a baixada do paro á "estacionalidade"
Resaltan que os empregos creados son "precarios " e "temporais"
Tanto CCOO como UXT e a CIG coincidiron en achacar a baixada do paro de 7.689 persoas coa "estacionalidade", consideran que é consecuencia da primeira rolda de contratacións que trae consigo a tempada estival.
Resaltan que os empregos creados son "precarios " e "temporais". En concreto, CC.OO. destacou que o 92,34 por cento dos empregos creados en maio eran temporais. Neste senso, a CIG tamén resaltou que "se asinan contratos de calidade ínfima" e que as persoas que acceden ao mercado laboral fano "con contratos de escasísima duración".
Ademais, UXT e CIG destacaron que un 53,7 por cento das persoas en situación de desemprego non percibe ningún tipo de prestación, o que supón un "risco de exclusión social" para estas persoas e as súas familias.
Neste sentido, a CIG denunciou que a Xunta non articule medidas nin para "paliar esta situación", nin para "crear emprego de calidade", nin para apoiar os sectores produtivos.
Ademais, CC.OO. demandou un "goberno estable no Estado" que aposte por un "cambio estrutural do modelo produtivo", unha medida que tamén apoiou UXT.
Escribe tu comentario