A Xunta asegura que emitiu un informe "técnico" para autorizar o dragado da Ría de Ferrol
Asegura a súa colaboración no caso no que declarará como investigado o d ex-director de conservación da natureza
A consellería de Medio Ambiente pronunciouse este luns ante a causa pola que terá que declarar como investigado Ricardo García-Borregón Millán, ex-Director Xeral da Natureza, vinculada co dragado da Ría de Ferrol en 2011.
Dende o departamento que no seu día dirixiu García-Borregón aseguran que no ano 2011 foi emitido un informe "técnico, como en tantos outros proxectos", autorizando a realización do dragado de entrada da ría de Ferrol denunciada pola asociación ecoloxista Adega Sinalan que este informe foi emitido segundo "o exercicio das súas competencias, como así corresponde".
Pero de todos xeitos, dende a consellería de medio ambiente aseguran a súa total cooperación coa xustiza neste caso, "do mesmo xeito que se fixo sempre" para que se "determine se é o caso a existencia dalgunha responsabilidade".
DENUNCIA DE ADEGA
Ricardo García-Borregón Millán, ex-Director Xeral da Natureza de Agustín Hernández, deberá declarar o vindeiro luns 6 de xuño por supostos delitos contra os recursos naturais e o medio ambiente, ademais de prevaricación e falsidade documental, segundo informa a organización ecoloxista Adega.
Esta declaración responde a unha denuncia desta asociación recollida pola Fiscalía, na que segundo os ecoloxistas se acusa ao ex alto cargo de ter "cociñado" en 2011 unha autorización ambiental fraudulenta para o dragado da ría de Ferrol, destinado a ampliar o calado de entrada para que puidesen pasar grandes buques. Dende a asociación vinculan este proxecto coa entrada dos gaseiros de Reganosa na ría, aínda que segundo destacan dende a compañía os seus buques xa podían acceder sen necesidade do susodito dragado.
En todo caso, a base da denuncia dos ecoloxistas atópase en que segundo indican a autorización ambiental estaba baseada nun suposto informe técnico que non figuraba no expediente, mentres que unha vez rematadas as obras "apareceu o informe que, curiosamente, recomendaba a non execución do proxecto polos seus impactos ambientais".
O exdirector xeral de conservación da natureza declarará por estes supostos delitos xunto a Rogelio Fernández Díaz, Subdirector Xeral de Espazos Naturais e Biodiversidade, Javier Turrillo Montiel , Xefe do Servizo de Análise e Proxectos e Carlos Múñoz, Xefe do Servizo de Conservación da Natureza na Delegación Provincial da Coruña.
Escribe tu comentario