O fiscal de Medio Ambiente non ten claro se a prórroga de ENCE podía ser autorizada por un goberno en funcións
Considera que é un asunto "moi controvertido" tanto "socialmente" como "xuridicamente"
O fiscal de Medio Ambiente de Galicia, Álvaro García Ortiz, non ten claro se un goberno en funcións pode autorizar ou non un asunto como a prórroga de Ence. "Como fiscal, non son capaz de dicir se un goberno en funcións o pode facer ou non", sobre todo á vista de que "algo que parece máis sinxelo", como se un goberno en funcións ten que someterse ás cámaras, está actualmente en discusión.
En todo caso, García Ortiz considerou nunha entrevista para a Radio Galega que a prórroga de 60 anos para ENCE é un asunto "moi controvertido" tanto "socialmente" como "xuridicamente",
Neste sentido, lembrou que Ence, ou directivos de Ence" xa foron condenados por delito ecolóxico en 2002, pero obxectou que tería que coñecer o procedemento completo para "ter unha opinión fundada" sobre a prórroga.
Noutra orde de cousas, volveu a demandar a creación dunha Fiscalía Anticorrupción en Galicia, tras admitir a controversia que supón que decidan a súa apertura os mesmos que poderían "ser investigados" por ese órgano. "Por iso propugnamos a autonomía da Fiscalía do Ministerio de Xustiza", explicou, tras sinalar que ambas as institucións teñen "intereses absolutamente alleos".
Escribe tu comentario