A Comisión de Pesca da UE só ten media hora para reunirse coas confrarías e co cerco
CCOO considera de todo insuficiente esta reunión, sobre todo porque a delegación europea pasará tres días en Galicia
Seis eurodeputados da Comisión de Pesca do Parlamento Europeo estarán en Galicia entre este martes e o vindeiro xoves. Tres días de visita para coñecer a aplicación da política pesqueira europea, ante a denuncia de AGE da "preocupante perda de empregos que está a sufrir o sector pesqueiro galego e dos problemas pola repartición de cotas".
Para o último día da visita está fixada unha reunión de media hora cos representantes da Xunta, da Federación Galega de Confrarías de Pescadores, da Comisión Sectorial do Cerco e da asociación Acerga. Unha reunión que consideran de todo insuficiente dende CCOO, sobre tendo en conta "a que está a caer" e que a reunión estaba prevista inicialmente para durar unha hora.
O voceiro do sindicato, Ramiro Otero, considera de «de xustiza social» loitar en Santiago, en Madrid e en Bruxelas porque Galicia teña ter máis cota pesqueira, «en definitiva, máis actividade e emprego», salienta. Por iso considera que «non se entende» que os seis eurodeputados e eurodeputadas, nunha visita que durará tres días, «só atopen trinta minutos para se reunir co sector».
Antes desta reunión os eurodeputados pasarán a xornada do martes en Vigo, reuníndose con Conxemar, ARVI e Anfaco. Para o mércores está fixada unha reunión en Vilagarcía con Asoar-Armega e 'xeiteiros', así como con mariscadores das rías de Pontevedra e Arousa. Antes de desprazarse a Lira, estarán con membros de Mexillón de Galicia e do Intecmar.
Escribe tu comentario