As cifras oficiais falan dun bo ano para o marisqueo
Falan dunha subida do 14% na facturación de 2015, que acadou os 66,5 millóns de euros
Atendendo ás cifras oficiais, o 2015 foi un gran ano para o marisqueo galego. A súa facturación aumentou nun 14% con respecto a 2014, acadando os 66,5 millóns de euros e vendas de 7.400 toneladas.
En concreto, a facturación do marisqueo a flote foi de máis de 38 millóns de euros (un 9,5% máis), con vendas de 4.500 toneladas (un 29% máis). No tocante ao marisqueo a pé, en 2015 facturáronse 25 millóns de euros (un 15%), con vendas de máis de 2.600 toneladas (un 14%).
A isto únese a categoría doutros bivalvos e percebes, que supuxeron máis de 350 toneladas, cun valor económico de 3 millóns de euros.
Diso informou este martes na comisión de Pesca do Parlamento galego o director xeral de Pesca, Juan Maneiro, quen destacou que os datos de facturación de 2015 son mellores que a media do último lustro.
CABALLA
Noutra orde de cousas, o deputado socialista José Ramón Val referiuse ao recorte do 15% nas posibilidades de pesca de caballa para este ano, e preguntou ao Goberno galego sobre a decisión do sector de fragmentarse en dez entidades asociativas para xestionar as cotas asignadas. Respecto diso, lembra que Acerga segue como a asociación maioritaria, con 93 barcos, mentres que as demais só suman catro ou cinco embarcacións.
En resposta, o director xeral de Pesca, Juan Maneiro, sinalou que a orde da Secretaría Xeral de Pesca "recolle os acordos" co sector para a repartición da caballa, mentres espera que os intercambios que se fagan con outros Estados ofreza unha cota en 2016 "similar" á de 2015. Ademais, lembrou que o cerco galego deixou sen pescar 600 toneladas desta especie o ano pasado.
Ademais, Maneiro recoñeceu que unha xestión conxunta en Galicia, do mesmo xeito que outras comunidades, "permitiría maior flexibilidade" para a repartición de cotas, pero considera que esa decisión compete "unicamente a propietarios e armadores de cada barco".
Escribe tu comentario