O Concello de A Coruña, lémbralle á Autoridade Portuaria que os terreos da Mariña están excluídos do dominio público portuario dende 1999
O Goberno municipal reitera a súa disposición ao diálogo e á cooperación, sempre dentro do respecto institucional e da defensa do ben común dentro da legalidade
A Coruña, 14 de agosto de 2015.- O Goberno local quere deixar claro que non cuestiona a competencia da Autoridade Portuaria da Coruña en terreos de dominio público portuario, posto que sabe perfectamente que as obras de infraestrutura portuaria que realice en dominio público portuario están exentas de licenza. Non obstante, o Concello recórdalle a esta institución que os terreos da Mariña (xardíns e viario) foron expresamente desafectados do dominio público portuario no ano 1999, cando se aprobou o Plan de Utilización dos Espazos Portuarios. Ademais, estes terreos tampouco forman parte do ámbito do Plan Especial do Porto. Por tanto, as obras realizadas pola Autoridade Portuaria en terreos exteriores ao dominio público portuario, como é o caso das obras na Mariña, si precisan de licenza ou autorización municipal.
Por ese motivo, este mesmo venres, o concelleiro de Rexeneración Urbanística e Dereito á Vivenda, Xiao Varela, anunciou que o Concello non está en condicións de asumir a posta a disposición das obras de urbanización da Mariña nin de asinar unha acta que supón, de feito, unha recepción tácita das obras. Non sen que conste a licenza ou autorización municipal correspondente e necesaria.
Varela insiste en que as obras precisan “de autorización municipal” e lémbralle á Autoridade Portuaria que esta “xa lle foi requirida nun escrito oficial o pasado 4 de agosto”, despois de varias solicitudes verbais.
O Concello da Coruña tamén quere aclarar, contra o que afirma a Autoridade Portuaria, que non é co-promotor das obras. De acordo cos convenios (e adendas) asinados polo anterior goberno municipal, o Concello financia o 100% das obras de urbanización da superficie da Mariña en terreos propiedade do Porto (desafectados do dominio público portuario no ano 99, BOE do 28 de decembro de 1999), pero é o organismo que preside Enrique Losada o que licitou e adxudicou as obras.
O Executivo municipal indica que non hai ningún documento que exima as obras de contar coa súa correspondente licenza.
Os convenios e adendas asinadas polo anterior goberno local non conteñen cláusula ningunha que exima do deber de obter licenza ou autorización municipal para as obras de urbanización. O que autoriza o Concello da Coruña é a redacción e tramitación dos correspondentes proxectos. Non obstante, estes documentos, non eximen nin excepcionan á Autoridade Portuaria, ou á adxudicataria das obras, do deber de obter as licenzas, autorizacións e permisos correspondentes.
Os requirimentos do Concello están amparados nos seguintes puntos:
1.- Na Cláusula Segunda do Convenio de 11/10/2013 a Autoridade Portuaria queda obrigada a “asumir a realización das xestións pertinentes ante os organismos que correspondan para a obtención dos permisos, licencias e autorizacións reglamentarias”.
2.- Na propia Adenda de marzo de 2014 invocada pola Autoridade Portuaria, na súa Cláusula Terceira, sinálase que o Porto coruñés “promoverá a redacción dos documentos técnicos precisos para a execución das obras”, a súa aprobación e tramitación (licitación e adxudicación, que foi o que fixo). Non obstante, en en ningún caso se exime do deber de solicitar e obter a preceptiva licenza municipal; licenza que é precisa para as obras ordinarias de urbanización de acordo coa propia Ordenanza Municipal (art. 11). En consecuencia, o Concello autorizaba (Cláusula Segunda da Adenda de marzo 2014) á Autoridade Portuaria a tramitar e redactar un proxecto de obras en terreos parte dos cales eran municipais, pero sen que en ningún caso se lle eximise dos deberes de obtención das licenzas e autorizacións que esixe a normativa urbanística e a propia Ordenanza Municipal.
3. O proxecto de obras de urbanización da Mariña foi licitado e adxudicado pola Autoridade Portuaria con posterioridade á sinatura de dita adenda, sen que, en consecuencia, esta aprobase ou autorizase dito proxecto, ao cal, de feito, nin fai referencia. De feito, o que se adxunta a dita adenda de marzo de 2014 son planos xerais do ámbito da actuación, pero non o proxecto aprobado, licitado e adxudicado pola Autoridade Portuaria (o redactado polo arquitecto D. Luis Collarte en base ao cal se executaron as obras).
4.- Nos propios pregos de cláusulas administrativas e técnicas do contrato adxudicado pola Autoridade Portuaria figura expresamente a obriga de solicitar os permisos, licenzas e autorizacións pertinentes.
A pesar de todo isto, o Goberno local reitera a súa disposición ao diálogo coa Autoridade Portuaria, sempre sobre a base do respecto institucional, que inclúe tamén o sometemento das respectivas actuacións á legalidade urbanística e a dereito. Como xa poñía de manifesto o concelleiro de Rexeneración Urbana na mañá deste venres, a vontade do Concello é que se cumpra a legalidade urbanística para que o espazo da Mariña estea á altura do que a cidadanía da Coruña merece. “A nosa máxima prioridade é que se protexa o ben común, os intereses dos veciños e as veciñas”, recalcou.
Por último, o Concello lémbralle á Autoridade Portuaria que pode abrir as obras cando queira, como xa fixo con outras fases das obras, e confía en que esta non mude agora o criterio, malia o que procederá a ordenar a retirada das vallas en caso de que non o faga o ente portuario.
O goberno municipal está convencido de que a AP resolverá a situación nos próximos días, dando resposta ao requerimento municipal de información e retirando as vallas. Da organización do tráfico e demais cuestións xa se encargará o Concello, agardando a colaboración da Autoridade Portuaria.
Escribe tu comentario