Rey Varela resígnase a ir por detrás do que avance o Estado en dependencia
Di que se non medran os orzamentos centrais na materia, os galegos tampouco o farán. Por iso pide "compromiso".
O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, ligou unha hipotética subida do gasto autonómico en materia de dependencia a que tamén o faga "proporcionalmente" o Goberno central. Así o indicou nunha entrevista na Radio Galega, na que emprazou o Goberno central a "ter un maior compromiso coa dependencia".
Deste xeito, reclamou que "a progresión de recursos autonómicos para a atención á dependencia se corresponda coa progresión de recursos estatais" no mesmo ámbito. "Paréceme un exercicio de corresponsabilidade", apostilou.
Neste sentido, Rey Varela lembrou que a Xunta "asume o 72 por cento" do gasto en dependencia mentres que a lei "prevía unha repartición ao 50 por cento" entre administracións autonómica e estatal.
En canto a demografía, o conselleiro enxalzou a proposta do titular da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, de crear un "fondo específico de cohesión demográfica" co obxectivo de "obter o financiamento necesario para as políticas de conciliación". Neste sentido, referiuse á posibilidade de regular os horarios laborais para fomentar a conciliación laboral. "Non se trata de impoñer, pero si de regular", matizou.
Para Rey Varela, é preciso "avanzar nunha lei de impulso demográfico Galicia" que estea sustentada no "consenso" entre as diferentes forzas políticas, unha tarefa para a que, na súa opinión, será importante o Observatorio Galego de Dinamización Demográfica, que se reunirá este mes.
Escribe tu comentario