#Claves de la semana

En Marea propón aumentar en 750 millóns as contas da Xunta

Villares asegurou que nas súas contas "alternativas", amosan que "teñen un proxecto completo, tamén no económico".


|

Luisvillarescarmensantos


En Marea presentou este xoves unha emenda á totalidade aos orzamentos da Xunta para 2017 que propón un incremento das contas en 750 millóns para facer que "rescaten ás persoas", aseguren "os dereitos sociais" e "melloren a economía".


Nunha rolda de prensa celebrada na Cámara galega e acompañado polos deputado Manolo Lago e Carmen Santos, o portavoz parlamentario, Luís Villares, asegurou que con estas contas "alternativas" En Marea mostra que "ten un proxecto alternativo completo, tamén no económico, perfectamente fundamentado".


"En política gobérnase desde os orzamentos e por iso nós presentamos unha alternativa", manifestou Villares, que subliñou que é posible "xerar riqueza con dereitos sociais" e "oportunidades para todos". E é que, na súa opinión, "os recortes son unha opción económica máis, unha opción ideolóxica do PP pero non obrigatoria".


Neste sentido, Manolo Lago considerou que os orzamentos elaborados polo PP "son restritivos, contrarios á economía e antisociais". Así, sinalou que do incremento de 259 millóns previsto, 185 destinaranse a "pagar o que a Xunta lle roubou antes aos empregados públicos". "Por tanto, redúcense en termos reais e iso convérteos nunha das razóns que explican o forte retroceso da economía e, por tanto, do emprego", advertiu.


"É unha proposta necesaria e posible, porque hai polo menos cinco mecanismos posibles para conseguir estes ingresos", sinalou para citar a necesidade de levar a cabo unha "estimación adecuada dos ingresos do Estado", "unha repartición proporcional dos obxectivos de déficit", "a loita decidida contra a fraude fiscal" ou "un incremento da recadación derivado da achega das rendas máis altas".


PARTIDAS


Na rolda de prensa celebrada este xoves, Carmen Santos foi a encargada de debullar os fondos e as partidas que En Marea inclúe nesta emenda á totalidade para "poñer no centro" as "necesidades e as verdadeiras prioridades dos galegos".


Así, entre outras cuestións, explicou que o documento do partido instrumental prevé destinar 168 millóns de euros á loita contra a pobreza e a exclusión social, 104 á mellora da sanidade pública ou 65 millóns para a posta en marcha dun plan de emerxencia de creación de emprego.


Ademais, entre outras contías para a recuperación do sector primario ou para garantir o acceso á vivenda e a loita contra os desafiuzamentos, as contas de En Marea apostan por incrementar en 20 millóns os fondos destinados a combater a violencia de xénero.


MÁIS FONDOS PARA A CAPITAL


Antonsanchezmartionoriega


Representantes do grupo parlamentario de En Marea reuníronse este xoves co goberno local de Santiago, de Compostela Aberta, para recoller as reclamacións municipais a incorporar en emendas aos orzamentos da Xunta para 2017, que pasan por máis fondos para o estatuto de capitalidade e para infraestruturas "básicas" para a cidade.


En rolda de prensa, a concelleira de Facenda, María Rozas, apuntou como unha das grandes reclamacións locais unha "maior partida" para a capitalidade.


Así, lembrou que para 2017 a Xunta prevé para este concepto --que supón un gasto para a cidade de "ao redor de 5,5 millóns"--, unha partida de 2,3 millóns de euros, a mesma desde 2014. Fronte a iso, propoñen que se retome a contía do primeiro ano de goberno do PP, de 3,1 millóns de euros.


Así mesmo, piden "máis orzamento" para as partidas de dúas infraestruturas "básicas" para a cidade, a estación intermodal e a variante de Aradas.


Entre outras emendas, ata un total de 10, o Concello de Santiago "bota en falta" un proxecto de vivenda oficial para a cidade, que non dispón dun desde hai 10 anos, así como investimento para a Escola Oficial de Idiomas e para a ampliación do conservatorio de música.


Finalmente, a concelleira reclamou investimento da Xunta no centro de atención a persoas sen fogar 24 horas no que o consistorio investirá 50.000 euros en 2017 aínda que é "competencia da Xunta".


O deputado de En Marea Antón Sánchez agradeceu a "claridade" das reclamacións do Concello de Santiago e garantiu o traballo da súa formación para "trasladar" estas peticións e tentar modificar uns orzamentos caracterizados pola súa "insuficiencia".


As contas, criticou Sánchez, "non dan resposta aos retos importantes" de Galicia, como a "deriva democrática", a "destrución de emprego" ou a situación do emprego xuvenil.


Fronte á situación económica e social de Galicia, indicou Antón Sánchez, a proposta orzamentaria da Xunta é "continuista" e non dá "solución" ao "futuro deste país".

relacionada Compostela presenta uns orzamentos nos que cobran peso cultura e medio ambiente
relacionada O orzamento da Xunta para 2017 crece un 2,9% e esgota o teito de gasto
relacionada As melloras no Camiño de Santiago centran a subida do orzamento de Turismo
Última hora

Sin comentarios

Escribe tu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.
Última hora
Cabeceralomasleido 1
Cabecerarecomendados 1

Galiciapress
Plaza de Quintana, 3 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS LOS DERECHOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidad - Configuración de cookies - Consejo editorial - Publicidad
Powered by Bigpress
CLABE