Os últimos dous partidos do ano do CB Breogán teñen fins solidarios
A Deputación de Lugo promove a colaboración do club de baloncesto co Banco de Alimentos de Lugo e a Asociación Raiolas.
No marco do contrato de patrocinio que a Deputación de Lugo asinou co CB Breogán, o club lugués vai dedicar os dous últimos encontros do ano a fin solidarios, con "dúas xornadas de recollida de alimentos nos partidos que disputará no Pazo dos Deportesos días 28 e 30 de decembro", fronte ao FC Barcelona B e o COB. Este luns presentaron as dúas iniciativas o Vicepresidente da Deputación, Álvaro Santos , o Presidente do Club de Baloncesto Breogán, Jesús Lázare Rincón, a Presidenta do Banco de Alimentos de Lugo, Amadora Núñez, o voceiro da Asociación Raiolas, Gonzalo Díaz, e os xogadores celestes Salva Arco e Jonathan Gilling.
Ademais, segundo contou Álvaro Santos, "o equipo adicará o partido do día 28 a difundir o labor do Banco de Alimentos, mentres que o partido do día 30 (o 'derbi do Miño') dedicarase a promover o traballo da Asociación Raiolas. En ambos partidos estará tamén á venda o calendario solidario que elabora esta asociación para sufragar unha parte dos custos das terapias e actividades que leva a cabo con persoas con Trastorno do Espectro Autista".
Animan, polo tanto, a que os afeccionados poñan o seu gran de area con alimentos non perecedoiros para entregar ás "máis de 9.700 persoas beneficiarias" e mediante a compra de calendarios solidarios.
Escribe tu comentario