​Acabouse a sesta

Manuel Fernando González Iglesias

Sesta


Espéranos un Nadal de discusións interminables sobre os horarios dos españois no seu conxunto. Agora, os nosos políticos queren devolvernos aos costumes dos nosos avós de antes da guerra, que eran, segundo a súa enfervorizada doutrina, máis sas e sobre todo, moito máis produtivas. A verdade é que, nese asunto, avanzamos bastante, xa que entre todos --dereita e esquerda incluídos-- case conseguimos igualar en salario aos nosos máis recentes antepasados. Dirannos que a culpa a ten a crise. A verdade é que os que a teñen son o poder económico, o financeiro e tamén quen os representa nos diferentes gobernos, especialmente nos estatais.


Un traballador de hoxe cobra menos do que necesita para poder vivir e os mozos, apenas nada, e por iso teñen que emigrar como xa facían os seus tataravós en barcos pestilentes a América ou en trens gandeiros a Centroeuropa. Daquela apenas sabían ler e escribir, agora os que se van son científicos, enxeñeiros nucleares, médicos, enfermeiras ou técnicos de primeiro nivel, moitos deles con máis dun idioma nos seus beizos. Son máis sabios, pero teñen a mesma fame no corpo que os seus predecesores e necesitan como eles un futuro que lles permita casar, ter unha casa, un pequeno coche e sobre todo, un salario digno. Nada novo baixo o sol.


Quen emigrou antes deles procedían das diferentes rexións de España, que así se chamaban as actuais autonomías, sobre todo das pobres coma Galicia, Andalucía ou Estremadura. Iso apenas cambiou, e se o fixo, foi para empeorar, xa que ás xa citadas sumáronse outras que se supoñía eran máis ricas e industrializadas como Catalunya ou Madrid. Hoxe, esa liña invisible case desapareceu, aínda que sigan existindo diferenzas escandalosas e lacerantes entre unhas e outras. O certo é que fan a maleta cara ao estranxeiro os mozos de case toda España, sexa o territorio unha nación, unha autonomía ou unha rexión. Ningún se salva da queima.


E a ese panorama desolador quere sumarse agora o reencontro cos vellos horarios, din que para conciliar a vida familiar e o lecer. Soa ben, pero, moito moito me temo que as cabezas pensantes de semellante proxecto o que queren é fodernos a sesta que non ten IVE, a sobremesa con chupito de bagazo e sobre todo, facernos madrugar e traballar todo seguido ata as seis da tarde. Logo, xa se lles ocorrerá outra cousa para que a Chanceler Merkel non nos cualifique de vagos e manirrotos por construír hospitais, autoestradas de peaxe e trens da Alta Velocidade, un luxo do que só debese gozar a Europa do norte, rica e moi civilizada.


Sobre o custo do dos miles de funcionarios en Bruxelas e os centos de grupos de presión que se moven ao seu ao redor non nos din nada. Tampouco do que custou "a Bóla enxaulada" que construíu o Consello na mesma cidade -que non baixa, segundo din algúns expertos como David Cameron, dos 240 millóns de euros-- para que os xefes de Goberno entren co coche ata a sala central onde deciden sobre a nosa vida e o futuro das novas xeracións, pechándose durante interminables sesións nas que o que menos importa é se vostede ten traballo nin canto gana, senón que a ningún estado membro se lle ocorra ter déficit orzamentario xa que, de telo, os ricos serían menos ricos e os acredores non poderían cobrar os intereses de usura que agora mesmo dispararon a débeda pública dos países do sur como o noso, ao que, polo que parece, hai que darlle unha volta de rosca máis cos horarios, porque facemos demasiadas festas e non consumimos o que nos corresponde.


Dito o cal, engádanlle por favor despois deste punto e final, de parte deste xornalista, un fermoso peite, porque o meu computador non a incluíu no teclado, e a verdade é que é un fallo lamentable, porque o non poder utilizala coarta a miña liberdade de expresión en asuntos tan transcendentais coma este, do que tan só escribín un dez por cento das maldades que se me ocorren.


(Detrás deste punto e final poden poñer o irreverente peite) O AUTOR

Sin comentarios

Escribe tu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Últimas
Opinadores

Galiciapress
Plaza de Quintana, 3 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS LOS DERECHOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidad - Configuración de cookies - Consejo editorial - Publicidad
Powered by Bigpress
CLABE