O CPXG lamenta o peche de Vía V e teme pola reestruturación de V Televisión
A xuízo dos xornalistas supón "o peche dunha fiestra de pluralismo no panorama televisivo galego".
A Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia lamenta nun comunicado na súa web "o remate do programa de debate Vía V, de V Televisión", que a xuízo dos xornalistas supón "o peche dunha fiestra de pluralismo no panorama televisivo galego".
O Colexio valorou que "a dirección de calquera cadea ten o dereito de definir a súa grella como considere axeitado aos seus obxectivos", pero non deixa de ser unha "perda" que se clausure un programa de debate "nunha das dúas únicas canles de ámbito autonómico que existen en Galicia".
Así mesmo, os xornalistas consideran que "a renuncia voluntaria ao buque insignia da programación da cadea non fai abrigar esperanzas sobre que o modelo de reestruturación que emprenderá V Televisión vaia reforzar a profesionalidade e o emprego no medio". Por este motivo o Colexio trasladou a súa "solidariedade" co equipo de Vía V, e agardan que as reformas da cadea "supoñan a medio prazo a súa consolidación".
No seu escrito, os xornalistas sinalan tamén a "responsabilidade da Administración autonómica", que, indican, debe ser "a garante de que se cumpran as condicións nas que se desenvolven as concesións de frecuencias de radio e televisión, e que a outra canle televisiva de ámbito galego concedida no seu momento –Popular TV- está inactiva desde hai anos, o que é motivo máis que suficiente para o seu rescate".
Escribe tu comentario