O BNG insiste en pór fin á "navallada" das peaxes da AP-9
Ana Pontón espétalle a Feijóo que onde hai "diñeiro para rescatar as autopistas madrileñas" pódese sacar para a arteria galega.
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, insistiu en que o seu partido tende a man ao resto de forzas políticas para lograr un acordo que poña fin á "navallada" das peaxes da AP-9.
En concreto, Pontón participou nun acto simbólico para reivindicar unha AP-9 "galega e libre de peaxes" convocado polo BNG nas principais peaxes da autoestrada, consistente en pagar en céntimos o custo da viaxe.
Neste acto, a dirixente nacionalista aproveitou para responderlle ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo: "Preguntábanos Feijóo de onde imos sacar o diñeiro para rescatar a AP-9. Pois exactamente de onde vai o PP e o Goberno central a sacar o diñeiro para rescatar as autoestradas madrileñas propiedade da banca e das construtoras", indicou a parlamentaria do BNG.
Ademais, durante este acto, aproveitou para facerlle unha pregunta a Feijóo: "Que vai facer o señor Feijóo ante o intento de Rajoy de vetar o debate da lei aprobada por unanimidade reclamando a transferencia?", preguntouse Pontón.
A continuación, fixo fincapé en que o seu partido segue coa man tendida para alcanzar un acordo que "poña fin ao abuso dunhas peaxes que son unha estafa legalizada". Pero ademais, instou a Feijóo a "defender o acordo unánime do Parlamento ante o intento de división e ruptura desa unidade que quere provocar o PP co seu veto".
De igual modo, denunciou que os galegos que cada día pasan pola autoestrada teñan que deixar "300.000 euros" nas arcas de Audasa, o que supón un beneficio, precisou, "superior de 90.000 euros diarios para a concesionaria".
Escribe tu comentario