A policía investiga a "varios sospeitosos" pola violación de Augas Férreas
O comisario cre que son "bandas organizadas que veñen de fóra" as que están detrás dos roubos rexistrados no rural da cidade.
O comisario de Lugo, Manuel Teijeiro, explicou que a Policía Nacional investiga a "varios sospeitosos" en relación á violación consumada e a un intento de agresión sexual nun mesmo edificio na zona de Augas Férreas da cidade.
Antes de participar na reunión da xunta de seguridade do Concello de Lugo, Teijeiro constatou que se segue "traballando" e que "se manexan varias liñas de investigación" ao redor destes sucesos. "Estamos moi lonxe de pensar que o tema estea pechado ou esquecido", manifestou antes de sinalar que os investigadores traballan "a lume de biqueira nese asunto".
Na súa intervención, o comisario tamén se referiu a "unhas características" que saltaron aos medios e que apuntan a un presunto autor "alto, louro e cun 'piercing' no nariz", trazos que, segundo indicou, supón que a policía estea "a barallar a moita xente".
"Estamos a avanzar", insistiu á vez que apelou á "discreción nas investigacións" ao ser preguntado pola persoa sospeitosa. "Comprenderán que a discreción das investigacións me impidan aclarar ningún aspecto concreto sobre o particular", incidiu.
TRANQUILIDADE VECIÑAL
Tras iso, Manuel Teijeiro precisou que "se está facendo vixilancia, están a facerse seguimentos, están a facerse comprobacións". "Trabállase na liña ordinaria que esixen este tipo de investigacións", engadiu para considerar "absolutamente lóxica e normal" a alarma xerada nos veciños por este tema.
A respecto diso, destacou que a policía puxo en marcha "unha estratexia operativa de seguridade", "con presenza intensiva en determinadas horas clave", para que os veciños poidan estar tranquilos. "Estamos con esa presenza masiva en determinadas franxas horarias que consideramos que son as adecuadas para dar máis seguridade", sinalou.
ROUBOS NO RURAL
Por outra banda, o comisario da Policía Nacional de Lugo, Manuel Teijeiro, asegurou son "bandas organizadas que veñen de fóra" as que están detrás dos ata oito roubos rexistrados en varias zonas do rural o pasado fin de semana.
Sobre esta cuestión, deixou claro que os axentes traballan "con intensidade" en colaboración coa Garda Civil xa que "este tipo de cuestións" non teñen unha "circunscrición territorial limitada". "Son bandas organizadas que veñen de fóra e iso afecta á demarcación nosa (da policía) e da Garda Civil e estamos a traballar conxuntamente con eles", indicou.
Ademais, preguntado respecto diso, considerou "moi probable" que poida tratarse dunha "banda do leste". "Estamos aí", resolvía sobre a investigación que leva a súa comisaría.
Escribe tu comentario